A Xunta anuncia un novo investimento de 300.000€ para ampliar o alcance da restauración do santuario da Nosa Señora das Ermidas

Esta nova achega permitirá actuar sobre a igrexa, os soportais da Casa da Administración e nas zonas de visita pública elevando ata 600.000€ o investimento feito pola Administración autonómica neste BIC ao longo da última década

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe as obras que se están executando no cabido e que rematarán o vindeiro mes

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia fará un novo investimento de 300.000€ no santuario da Nosa Señora das Ermidas para garantir o seu futuro e blindar a súa conservación e restauración. Así o anunciaron hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e o delgado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha visita as obras que se están executando actualmente no cabido e que están previsto que rematen o vindeiro mes de agosto.

A representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que esta nova achega permitirá actuar sobre a igrexa, os sorportais da Casa da Administración e nas zonas de visita pública elevando ata 600.000€ o investimento feito pola Administración autonómica neste inmoble ao longo da última década. “Trátase dun compromiso decidido cun dos Bens de Interese Cultural máis representativos e importantes da provincia de Ourense”, sinalou antes de engadir que nestes momentos estase redactando o proxecto da actuación.

Os novos traballos súmanse aos que ten actualmente en marcha a Xunta de Galicia cun investimento superior aos 80.000€ para reparar as patoloxías observadas nos distintos elementos construtivos do soportal-lonxa. Deste xeito, estanse solucionando os problemas de estanquidade existentes na cuberta de lousa ao tempo que se resolven os problemas de funcionalidade que se presentan na estrutura de madeira da cuberta e se melloran as condicións de estabilidade das columnas de granito. Así mesmo, o proxecto que rematará en agosto complétase coa eliminación dos elementos construtivos existentes nos ocos do cabido para recuperar a súa funcionalidade e imaxe, a renovación das instalacións de iluminación existentes e o acondicionamento dos paramentos interiores do cabido.

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas atópase situado entre os macizos das serras de Queixa, do Eixo e de San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei e próximo a unha das antigas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruzamento coa Vía de Braga a Astorga. Goza dunha situación privilexiada, localizada nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca.

Actuacións previas

Entre 2012 e 2014 a Xunta de Galicia desenvolveu un plan director do Santuario das Ermidas cun investimento de preto de 44.000 euros. Este documento recollía o estudo e conservación dos sistemas de contención de terras, cimentación e evacuación de augas e incidía especialmente nestes aspectos clave pola situación do conxunto sobre unha ladeira rochosa, o que condiciona a súa configuración.

Posteriormente, nos anos 2016 e 2017, o templo xa foi obxecto de mellora, neste caso, a través da reconstrución do muro derrubado do oliveiral e o seu contorno inmediato por un importe de 186.000 euros. Tratouse dunha obra de execución complexa na que se eliminou unha gran cantidade de material de recheo e entullos que se acumularon nas inmediación do templo e que comprometían a súa estabilidade. Deste xeito, melloráronse as condicións de conservación e mantemento dos terres e muros e remontouse o muro máis próximo ao adro. Estas actuacións, tendo en conta a nova adxudicación, superan os 600.000 euros investidos na última década.

Para poder realizar todas estas melloras, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Astorga para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa este santuario.