A Xunta declara de interese autonómico o proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Boborás (Ourense) as instalacións da empresa Aguas do Paraño

  • Esta consideración vénlle dada pola relevancia do sector da auga mineral e porque o proxecto contribúe ao desenvolvemento económico e social de Galicia cun impacto especial no medio rural, no concello de Boborás (Ourense)
  • O proxecto supón un investimento de 7M€ para instalar novas liñas de embotellado

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da empresa Aguas do Paraño, cuxo proxecto de ampliación acaba de ser declarado de interese autonómico por parte da Xunta. Segundo indicou, esta consideración vénlle dada pola relevancia deste sector e porque o proxecto contribúe ao desenvolvemento económico e social de Galicia cun impacto especial no medio rural, no concello de Boborás (Ourense).

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto prevé un investimento de 7M€ para instalar novas liñas de embotellado de auga mineral: desmineralizada, en formato bag in box (bolsas cheas a presión e introducidas en caixas de cartón) e en envase de cristal. A ampliación das súas instalacións é, polo tanto, unha necesidade estratéxica para a empresa, que poderá incrementar os niveis de envasado e distribución.

Aguas do Paraño é unha empresa familiar de capital galego fundada en 2004. Conta con case unha trintena de empregados, factura máis de 2M€ ao ano e distribúe a súa auga maioritariamente a Galicia pero tamén en Lleida, Tarragona, Valencia, Valladolid, León, Asturias e Viscaia. Dela, o vicepresidente económico salientou a súa aposta pola creación de emprego no rural e a súa “vocación por seguir crecendo”.

Na mesma liña, Conde destacou que é “un referente desde Ourense” dun sector do que Galicia ten recurso suficiente, posto que a Comunidade supera os 300 mananciais (o 15% dos 2000 que hai en España) e conta con dez plantas de envasado de auga mineral natural, que representan o 10% das 100 que hai en todo o país.


VIDEO SPOT BOBORÁS en BADAL TV