A 59 Festa do Pulpo, en imaxes

Unha trintena de locais de restauración do Carballiño formaron parte das Xornadas Gastronómicas da Festa do Pulpo na súa 59 edición, un formato motivado pola situación sanitaria actual. Tamén unha vintena de pulpeiras repartíanse polo casco urbano. O ambiente festivo foi palpable, a pesar das medidas sanitarias e de ter que acudir con reserva previa. Aínda que este formato dista moito do tradicional deste festa, esta fin de semana superáronse as cifras do pasado ano e a valoración é moi positiva.

Publicidade

Dentro da programación do Verán Cultural, e en especial nesta semana das xornadas gastronómicas da Festa do Pulpo, houbo numerosas actuacións musicais. O pasado venres, os máis pequenos coñeceron á mascota desta festa, Octavio, nun espectáculo con música e animación dirixido por DJ Tibu, e que animou non so ós pequenos da casa. Ademais, Octavio estivo toda a fin de semana pola vila, coma o auténtico protagonista. Esa mesma noite, a pesar da choiva, Pablo Milanés ofreceu o seu concerto na Praza da Veracruz, cun público que resistiu as inclemencias. E tamén, unha mostra de artesanía e antigüidades da man da asociación Agarimos do Arenteiro.

Ademais, a fin de semana da Festa do Pulpo do Carballiño, contou ca Feira do Stock do Centro Comercial Aberto por primeira vez adiantada no calendario, con ofertas en produtos de todos os sectores.