O Mosteiro de Melón acollerá un espectáculo de danza este domingo

O Mosteiro de Santa María de Melón convértese este domingo, día 15, en escenario co programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio. Así, a partir das 20,00 horas representaranse os espectáculos Give it a spin, de Pisando ovos, e catro [4’’] segundos, de Cía. IO. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

Espectáculos en 27 espazos singulares

AVANTAR ACTIVIDADES

Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e rematará o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.