O delegado da Xunta en Ourense pon en valor o labor do centro de recuperación de fauna do Rodicio

Arredor de 300 animais foron atendidos o ano pasado no Centro de Recuperación de fauna silvestre do Rodicio, ao que a Xunta de Galicia destina á atención de exemplares feridos ou enfermos recollidos en distintos puntos da provincia. Así o avanzou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, na súa visita esta mañá ás instalacións emprazadas no concello de Maceda, onde participou na liberación dun miñato (Águila ratonera) (Buteo buteo)

Publicidade

Tras poñer en valor o traballo que se desenvolve nestas instalacións, que actúan na práctica como “hospitais” para a fauna autóctona, o delegado territorial da Xunta considerou que os datos estatísticos de animais atendidos nos últimos anos son a mellor mostra da necesidade e do intenso labor que se leva a cabo no centro do Rodicio, que xunto cos centros de Oleiros (A Coruña); o do Veral (Lugo) e o de Carballedo (Cerdedo – Cotobade) son os catro existentes en Galicia.

Deste xeito, Gabriel Alén, sinalou que en 2020 case que 300 animais pasaron por estas instalacións do Rodicio. Na súa maioría, os exemplares atendidos foron aves, 221; aínda que tamén estiveron ingresados 52 mamíferos e unha decena de réptiles. 81 dos animais recuperados foron liberados directamente sen necesidade de permanecer ingresados nas súas dependencias

O obxectivo principal deste tipo de instalacións, como explicou o delegado territorial, é “fomentar a conservación e a recuperación das especies de fauna silvestre” cando polo seu estado de saúde requiran dunha atención e seguimento profesional en catividade ata a súa completa recuperación, momento no que se procede á súa devolución á natureza.

Os miñatos, son a especie que con mais frecuencia ingresa no CRF. Trátase dunha especie relativamente abundante na nosa xeografía. No centro ingresan miñatos practicamente de toda a provincia. A principal causa de ingreso son os traumatismos. O procedemento que se fai unha vez somos avisados dun animal ferido, é activar o protocolo de recollida onde persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participa e leva o animal ata o Rodicio. Alí, os veterinarios, valoran a causa de ingreso facendo un diagnostico para decidir o tratamento a seguir, que en algunhas ocasións require de cirurxía reparadora. Unha vez o animal recibe a alta médica, pasa a fase de rehabilitación ata conseguir que sexa capaz de voar e valerse por si mesmo. É o caso do miñato que esta mañá liberou o delegado territorial da Xunta, tras recibir a alta por parte dos veterinarios, polo que volve a estar libre e voando nos ceos da nosa provincia.