A Xunta invirte un millón de euros nas sete áres de rehabilitación integral en Ourense, Ribadavia e Castro Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado de Sonia Ogando, Concelleira de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio do concello de Ourense, a área de rehabilitación integral Barrios Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e a Inmaculada; unha das 14 ARIS de carácter municipal declaradas na provincia, na que poido comprobar de primeira man a actuación de illamento da fachada polo exterior dunha vivenda unifamiliar beneficiaria destas axudas.

O delegado territorial explicou que a Xunta  acaba de asignar en total preto dun millón de euros aos concellos de Ourense, Ribadavia e Castro Caldelas para financiar distintos tipos de actuacións de recuperación e urbanización nas sete áreas de rehabilitación integral (ARIS) declaradas nestes municipios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Deste xeito, o concello de Ourense poderá xestionar un total de 556.000 euros para actuacións a executar nas catro ARIS para as que solicitou financiamento, mentres que a Castro Caldelas lle corresponderán case 126.000 euros para actuar na súa única ARI.

En canto a Ribadavia, no reparto definitivo dos fondos asignóuselle algo máis de 263.000 euros a dividir entre as súas dúas áreas de rehabilitación integral. Neste caso concreto, cómpre subliñar que unha delas foi declarada área Rexurbe o ano pasado, condición que tivo en conta a Xunta á hora de repartir os fondos dispoñibles e que se traduciu nun reforzo do financiamento asignado ao concello de Ribadavia para este ámbito en concreto.

Gabriel Alén destacou a aposta da Xunta polas áreas Rexurbe, unha figura creada pola Lei de rehabilitación para recuperar de forma integral determinadas zonas grazas ao investimento público e privado, tamén se reflicte na última convocatoria lanzada polo IGVS para adquirir inmobles neste tipo de ámbitos e rehabilitalos con fins residenciais. De feito, no marco do Programa Rexurbe deste ano, a Xunta recibiu catro ofertas de particulares para vender inmobles en estado de abandono en Ribadavia.

Unha vez resolta a convocatoria do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos  concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.

O importe máximo das subvencións que poderán percibir os particulares é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, o límite subirá ata o 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos dentro do ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.

A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.

Máis de 185 millóns e 18.500 vivendas

O delegado territorial lembrou que a Administración autonómica vén facendo nos últimos anos un importante esforzo en materia de rehabilitación e que desde a posta en marcha deste programa xa se mobilizaron 185 millóns de euros para recuperar ao redor de 18.500 vivendas na Comunidade.

A estas grandes cifras hai que sumar o importe destinado tamén ás oficinas de rehabilitación, que só nos últimos catro anos recibiron 5,14 millóns e onde traballan xa máis de 120 persoas.

Actualmente existen 76 ARI declaradas en 44 concellos e outras tres de carácter supramunicipal —as ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra—. En total, 160 concellos galegos teñen polo menos unha figura deste tipo dentro do seu termo municipal.