A Xunta investiu máis de 132.000 euros en acondicionar case 17 hectáreas para un pasteiro en Beariz

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Beariz para visitar, da man do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde, Manuel Prado, o pasteiro situado no monte veciñal en man común de Penias, Pico, Rego de Couto e Lomba.

Este espazo foi acondicionado dentro do Plan de pastos da Xunta, cun investimento de 132.319 euros. A actuación desenvolveuse nun total de 16,8 hectáreas de terreo, nas que ademais de acondicionar o propio pasteiro procedeuse á colocación dunha manga de manexo de gando, á construción dun bebedoiro, un galpón, dúas unidades de paso canadense, captación e condución de auga (85 metros lineais) e peche cinexético (900 metros lineais).

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta visita, o delegado e o director xeral destacaron que só na primeira fase do Plan de pastos de Galicia se investiu máis dun millón de euros na provincia de Ourense, para executar seis pastos noutros tantos concellos dunhas 170 hectáreas en total. Na segunda fase, engadiron, están programados 10 pasteiros nos concellos da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso, O Irixo e Bande, abranguendo case 530 hectáreas e un presuposto de case 1,2 millóns.

Plan de pastos de Galicia

Como resumo, o Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases de execución, para actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas en toda a comunidade, cun investimento global de arredor de 9,5 millóns de euros. O obxectivo destes labores é promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial, e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Trátase, tamén, de anticiparse aos incendios forestais, xerando descontinuidades no terreo que funcionan de devasa natural fronte ao lume.

Reunión de traballo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou tamén a súa estadía no concello de Beariz para manter unha reunión de traballo co alcalde, Manuel Prado, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica.

O delegado territorial puxo  en valor os recentes investimentos da Xunta no concello como as da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de máis 31.000 euros destinados a instalación dun ascensor na Casa do Concello, ou a achega de 14.049 euros a Asociación de Veciños de Albite para equipar o seu local social; os da Consellería do Medio Rural de 32.663 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas e salientou as propostas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de 26.803 euros para as obras de abastecemento, saneamento e depuración en Magros e de 47.737 euros para as obras de abastecemento, saneamento e depuración en A Ermida.

Gabriel Alén tamén salientou os convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte de 12.800 euros para a creación de pistas biosaudables en Doade e A Ermida, e o de Augas de Galicia de 105.000 euros para renovar a rede  de abastecemento en Magros.


VIDEO SPOT BEARIZ en BADAL TV