Ana Villarino asumirá a secretaría xeral do Partido Popular de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Segundo a proposta que o candidato á reelección da presidencia, Manuel Baltar, presentará no 18º Congreso Provincial

A alcaldesa de Oímbra agradeceu “a confianza depositada na miña persoa para traballar a partir de agora desde a primeira liña do partido”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

·      Rosendo Fernández, ata agora no cargo, pasará a ser o primeiro vicepresidente da historia do PP ourensán

·      Baltar definiu a súa proposta “como un dos cambios organizativos máis importantes na nosa formación, dentro da nova etapa que imos emprender e que ten como gran reto ganar en todos os concellos da provincia nas eleccións locais do 28 de maio de 2023”

A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, será a nova secretaria xeral do Partido Popular de Ourense, cargo no que substituirá a Rosendo Fernández, que pasará a ser o primeiro vicepresidente na historia do PP ourensán. Esta é a proposta que o candidato á reelección da presidencia, Manuel Baltar, presentará o próximo domingo no 18º Congreso Provincial “como un dos cambios organizativos máis importantes na nosa formación, dentro da nova etapa que imos emprender e que ten como gran reto ganar en todos os concellos da provincia nas eleccións locais do 28 de maio de 2023”.

Forza, empatía e proximidade foron os cualificativos que Manuel Baltar utilizou para definir a personalidade e profesionalidade de Ana Villarino, “contrastada tamén polo seu labor como membro do goberno provincial”. Afirmou o candidato que a futura secretaria xeral “achegará unha ampla experiencia e coñecemento do medio rural, pero tamén dos sectores produtivos da nosa provincia e a súa promoción, como vén facendo desde o seu concello”.

Ana Villarino, pola súa banda, agradeceu “a confianza depositada na miña persoa para traballar a partir de agora desde a primeira liña do partido”. Un orgullo, dixo, “ao que se suma suceder a Rosendo Fernández, do que seguro terei a súa axuda para orientarme nesta nova responsabilidade”. Villarino comprometeu a súa “implicación e lealdade co partido para conseguir nas próximas municipais os maiores éxitos para os nosos concellos, que será tamén o éxito da nosa provincia e de toda a veciñanza”.

Manuel Baltar expresou o seu agradecemento a Rosendo Fernández “por estes 11 anos e 8 meses de traballo político intenso, constante e ás máis das veces baixo a premisa da discreción desde a secretaría xeral, sendo a persoa que durante máis tempo exerceu este cargo como a cara afable pero tamén firme da nosa formación”, destacando ademais “o seu labor noutra vicepresidencia, como a que ocupa na Deputación de Ourense”.

Fernández respondeu ás palabras do candidato destacando “a honra que supuxo poder traballar todos estes anos ao carón de Manuel Baltar e sempre obtendo importantes éxitos electorais”. Agora, agradeceu, “encoméndame unha nova responsabilidade que exercerei desde a fidelidade ao mandato da presidencia e dos militantes”, felicitando á futura secretaria xeral da que destacou “a súa ampla experiencia no ámbito municipal, pero tamén no ámbito político como membro do comité executivo desde 2010”.

Tralo anuncio de hoxe, Manuel Baltar dará a coñecer o próximo sábado o resto dos membros do equipo de dirección que lle acompañarán no próximo mandato, coincidindo coa tradicional visita ao escenario do 18º Congreso Provincial do PP de Ourense, no pavillón Paco Paz de Ourense.