Expourense acolle esta fin de semana o 12º Salón do Automóbil

Expourense convértese esta fin de semana na capital do Automóbil de Galicia coa celebración da 12º Salón do Automóbil Novo que abriu esta mañá as súas portas presentando unha ampla oferta composta por 250 vehículos de 21 marcas de todas as gamas, modelos, prezos e motorizacións. As empresas participantes fan unha forte aposta neste salón ampliando as opcións á hora de elixir un coche, xa que a meirande parte deles ofrecen importantes descontos especiais de feira que poden chegar ata os 10.000 euros. Nesta cita participan como 15 expositores os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O. Dende hoxe e ata o domingo celébrase o Salón do Vehículo Novo, e dende o 8 ó 10 de outubro celebrarase o de Ocasión.

Este salón acolle a presentación de 30 novidades onde os vehículos electrificados (híbridos, híbridos enchufables, 100% eléctricos), son xa maioría supoñendo o presente e futuro do sector. Dende ACAUTO informan que este tipo de coches supoñen xa o 31% das vendas xerais cando durante a última edición do salón (celebrada en 2019) non superaban o 10%. Nesta cita, cada un dos 15 concesionarios expón, como mínimo, 3 ou 4 modelos híbridos. De todas estas novidades, algunhas, como o novo Peugeot 308, elixiron o recinto de Expourense para facer a súa primeira presentación en España, mentres que o BMW Serie 4 Gran Coupé foi presentado mundialmente onte no Salón so Automóbil de Barcelona e esta fin de semana pode verse xa en Expourense.