― Renovaranse estas infraestruturas municipais no contorno da estrada N-541, que teñen máis de 50 anos de antigüidade e causan perdas de auga e filtracións á rede
― A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, contribuirá ao financiamento desta actuación co 80% do orzamento, 308.000 euros, achegando o Concello o 20% restante e encargándose da execución das obras
― O Goberno galego continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Boborás para a execución das obras de mellora das redes municipais de abastecemento, saneamento e pluviais no núcleo de Brués, que suporán un investimento de 385.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, contribuirá ao financiamento das actuacións co 80% do orzamento, 308.000 euros, achegando o Concello o 20% restante.
Ademais, correspóndelle a entidade local a execución das obras, así como o mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As actuacións
As redes municipais de abastecemento e saneamento no contorno da estrada N-541, no núcleo de Brués, teñen máis de 50 anos de antigüidade, presentando numerosas deficiencias derivadas do vencemento da súa vida útil. Isto tradúcese na existencia de fugas e perdas de auga e filtracións que derivan en ineficiencias no uso da auga.
Ademais, practicamente non existe rede de pluviais, polo que as entradas de auga de chuvia nos colectores está dificultando a depuración das augas residuais.
Mediante o convenio autorizado hoxe impúlsanse as actuacións necesarias para a solución destas deficiencias, a través da renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na travesía da estrada nacional N-541.
As obras consisten na construción dun novo tramo de rede de augas pluviais e na renovación das instalacións vinculadas á auga na travesía da N-541 ao seu paso polo núcleo de Brués.
O Goberno galego continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal, aos seus veciños de xeito eficiente.

VIDEO SPOT BOBORÁS en BADAL TV
