As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 2 de novembro para presentar as súas ofertas
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá ao alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández, da licitación das obras que permitirán dotar de abastecemento o núcleo de San Cristovo.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación por importe de preto de 245.000 euros. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 2 de novembro para presentar as súas ofertas.
O delegado territorial explicou que esta actuación se enmarca no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz o pasado mes de xuño, que recolle un investimento global de 275.000 euros, o 80% achegados pola Xunta.
En virtude do convenio, a Xunta tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses.
Pola súa banda, o Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
As actuacións proxectadas
Na actualidade Paderne de Allariz conta cunha rede de abastecemento que dá subministración a todos os núcleos do municipio salvo ao de San Cristovo, que pertence á parroquia de San Salvador de Mourisco. Isto é debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo se abastece na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.
As obras perseguen achegar o servizo de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, a través da execución dunha rede de abastecemento composta por: conexión con rede existente, bombeo, novo depósito, impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución.
Esta actuación permitirá dar servizo a unha poboación fixa de 62 habitantes para o ano horizonte 2045.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade da auga e a calidade de vida da poboación galega no medio rural.