A Xunta avanza cos veciños da Arnoia nos traballos de creación dun polígono agroforestal de 224 hectáreas neste municipio

IES CHAMOSO LAMAS

O conselleiro do Medio Rural reuniuse con este colectivo para explicarlle a importancia de aproveitar os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

A xuntanza serviu para avaliar, entre outras cuestións, os posibles usos futuros deste polígono

SPORTUR GALICIA 2022

José González explicou que esta ferramenta se centra na volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona

O conselleiro destacou que neste caso a iniciativa correspondeu aos veciños e puxo en valor o gran tamaño do polígono e, polo tanto, a multifuncionalidade e diversidade que presenta á hora de desenvolver os diferentes usos

 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse hoxe con veciños da Arnoia para avanzar nos traballos de creación dun polígono agroforestal de 224 hectáreas neste municipio ourensán. A xuntanza serviu para avaliar, entre outras cuestións, os posibles usos futuros deste polígono. Trátase, segundo explicou o conselleiro, de impulsar esta ferramenta para aproveitar así un dos instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de poñer en valor os predios en desuso ou infrautilizados. Neste caso concreto, propúxose por parte da propia asociación veciñal a creación dun polígono agroforestal que permita complementar as rendas dos titulares destes terreos.
A figura abranguerá unha superficie de 224 hectáreas, repartidas en algo máis de 6.700 parcelas de arredor de 780 propietarios. O titular de Medio Rural destacou o gran tamaño do polígono e, polo tanto, a multifuncionalidade e diversidade que presenta, á hora de desenvolver os diferentes usos. José González explicou ademais que esta ferramenta dos polígonos se centra na volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.

Iniciativa dos veciños

O proxecto, sinalou o conselleiro, pode ser promovido pola Administración ou por particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. Neste caso, a iniciativa correspondeu aos veciños, un feito que José González puxo en valor. Ademais, o conselleiro apuntou que, ao abeiro dos polígonos, reestruturaranse as parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade en función dos cultivos, dando prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial.
Trátase, tal e como explicou o conselleiro aos veciños, de recuperar terra para xerar actividade económica e crear postos de traballo, contribuíndo a fixar poboación no rural e, ao tempo, avanzar na prioritaria anticipación aos incendios, mediante ese aproveitamento agrogandeiro ou forestal dos predios. Así, José González explicou que ao combinar varios usos nun mesmo polígono, debido principalmente a que o terreo é variable e non é homoxéneo, conséguese un aproveitamento sostible de toda a zona sen modificar as características do propio terreo.
A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que dentro desta figura dos polígonos establécese tamén a dos denominados cortalume, que procuran a xestión do territorio agroforestal co fin de anticiparse aos incendios. Así, aportan novas solucións á prevención convertendo as devasas en polígonos agroforestais nos que a prevención de incendios se combinará coa posta en valor destas zonas, promovéndose a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sostibles e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes.

Zonas preferentes

José González engadiu que nesta actuación terán carácter preferente as zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; as áreas cortalume, que se delimitarán con criterios técnicos e aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal.
Tamén, entre as restantes zonas, darase carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos cando concorran circunstancias como que se trate de zonas de elevada aptitude agropecuaria que se atopen en situación de especial abandono, ou da ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización ou con usos ou orientacións non conformes coa cualificación feita no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Ademais, tamén se terá en conta a recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexida, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade. En definitiva, concluíu González, con todas estas medidas trátase de dinamizar o territorio e de xerar actividade económica “para que sexa posible vivir no e do rural”.