A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica na Plataforma de contratos públicos esta licitación, cuxo prazo de actuacións prevé un período de oito meses
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita hoxe por máis de 414.000 euros as obras de construción da piscina de Concello de Boborás, un dos poucos municipios da comarca que non conta cunhas instalacións deste tipo.
A Plataforma de contratos públicos da Xunta de Galicia publica esta licitación, cuxo prazo de execución é de 8 meses. As empresas interesadas en presentar a súa oferta a esta actuación dispoñen ata o 28 de outubro.
Cómpre recordar que esta actuacións é un dos compromisos adquiridos pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, coa alcaldesa, Patricia Torres, tras a sinatura dun acordo de cooperación, polo cal a Xunta achegará un 70% do orzamento previsto e o Concello a porcentaxe restante.
A Xunta é consciente da importancia que ten para os concellos a materialización de determinados proxectos urbanísticos para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e dinamizar determinadas zonas. Neste sentido, os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como factor dinamizador para o desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais da contorna.
A Xunta aposta pola posta en marcha deste tipo de colaboracións para poder intervir sobre equipamentos urbanos tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural; e, neste caso concreto, aténdese a unha vella demanda veciñal.
Esta actuación é acorde aos obxectivos do plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 polo Goberno galego co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a este programa, executáronse case 320 actuacións, o que significou mobilizar case 150 millóns de euros.
VIDEO SPOT BOBORÁS en BADAL TV