A Xunta e o concello de Piñor colaborarán na construción dun edificio de usos múltiples, cun investimento de máis de medio millón de euros

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Luis González, asinaron hoxe un convenio de cooperación para cofinanciar a obra

  • A futura instalación constará de dúas plantas conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor e terá unha superficie total construída de 372,97 metros cadrados
  • “Seguimos apostando polos concellos e seguimos coordinándonos entre as distintas administracións para darlle máis e mellores servizos aos veciños do rural”, declarou

A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor, a través da Deputación provincial de Ourense, colaborarán na construción dun edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo e cun investimento estimado de máis de medio millón de euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o comprometeron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde ourensán, José Luis González, mediante a sinatura do correspondente convenio para executar as obras e fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.

En concreto, o obxecto é dotar ao concello de Piñor dun novo edificio multifuncional que constará de planta baixa —na que se localizará unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —onde irá outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.

Para levalo a cabo, como explicou a conselleira, o primeiro paso será rozar e preparar a parcela escollida para acoller a futura instalación, que contará cunha superficie total construída de 372,97 metros cadrados.

Cun custo inicialmente estimado en 513.196,33 euros —o 70% achegado polo departamento autonómico e o 30% restante, polo Goberno local, a través dun convenio subscrito coa Deputación—, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso da Xunta á hora de apoiar aos municipios co fin de promover actuacións que, como esta, dinamicen as vilas galegas e melloren a calidade de vida dos cidadáns.

“Seguimos apostando polos concellos e seguimos coordinándonos entre as distintas administracións co mesmo fin: darlle máis e mellores servizos aos veciños e veciñas do rural galego”, declarou.

O alcalde, pola súa parte, agradeceu a achega económica da Xunta e da Deputación para poder levar a cabo este edificio multiusos, proxectado na mesma parcela que albergará o novo albergue de peregrinos e que, segundo dixo, será realidade “a finais do ano 2022”.

Unha década de Plan Hurbe

O convenio asinado hoxe en Piñor enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación ou mellora de equipamentos municipais e á humanización e urbanización de espazos e infraestruturas de uso público. Grazas a esta iniciativa, o Goberno galego colaborou xa, ata o ano 2020, no financiamento de máis de 300 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, cun investimento global de case 150 millóns de euros.


VIDEO SPOT PIÑOR en BADAL TV