A Xunta licita por máis de 166.000 euros as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no municipio de Avión

Trátase de conectar estes núcleos de poboación coa depuradora municipal, xa que na actualidade contan con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, cun investimento de 185.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta licitou por máis de 166.000 euros as obras de mellora do saneamento nos núcleos do Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión.
A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 15 de novembro.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en abril entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Avión, por importe de 185.000 euros, para conectar as redes de saneamento destes dous núcleos co colector xeral de Avión, xa que na actualidade contan con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente.

Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o 80% do investimento. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de 4 meses.

Pola súa banda, o Concello de Avión contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

Obras que se van executar

Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas no ano 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e dunha nova depuradora para 1.250 habitantes equivalentes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros.

As obras recollidas no contrato licitado hoxe inclúen a execución dunha rede de conexión ata a citada depuradora de Avión, xa deseñada no seu día para atender tamén á poboación deste dous núcleos do municipio ourensán.

A intervención consiste na construción de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro. A actuación permitirá dar servizo a unha poboación de 94 habitantes para o ano horizonte 2045.

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.


VIDEO SPOT AVIÓN en BADAL TV