A cardióloga ourensá Luisa Pérez, Premio Olimpia Valencia na súa primeira edición

O presidente provincial, Manuel Baltar, comunicou telefónicamente á gañadora a concesión dun galardón que destaca a súa traxectoria profesional e investigadora no eido da cardioloxía, “entendendo a súa profesión ao servizo da humanidade nun momento tan especial a nivel mundial como a pandemia” 

Con este premio, instituído para recoñecer ás persoas ou entidades que desde o ámbito sociosanitario estiveron en primeira liña loitando contra a covid-19, a Deputación de Ourense lembra a figura dunha ourensá que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado 

AVANTAR ACTIVIDADES

 A cardióloga ourensá e coordinadora da unidade de arritmias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Luisa Pérez, foi distinguida hoxe, na súa primeira edición, co Premio Olimpia Valencia, instituído pola Deputación de Ourense para recoñecer ás persoas ou entidades que desde o ámbito sociosanitario estiveron en primeira liña loitando contra a pandemia provocada pola covid-19. Un galardón que o presidente provincial, Manuel Baltar, comunicou telefónicamente á gañadora, que afirmou “ser toda unha honra recibir este premio e, ademais, por unanimidade”. 

A acta do xurado destaca a traxectoria profesional e investigadora da doutora Luisa Pérez no eido da cardioloxía, “entendendo a súa profesión ao servizo da humanidade nun momento tan especial a nivel mundial como a pandemia”. O xurado desta primeira edición estivo presidido pola deputada de Igualdade, Luz Doporto, exercendo como secretaria a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Ascensión Sampayo, e como vogais a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; a presidenta da Federación de Comercio, Beatriz Gómez; a vicerreitora do campus de Ourense, María Esther de Blas; a directora do Museo Municipal de Ourense, Eva Torres; e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro. 

Luisa Pérez (Cartelle, 1953) é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en Cardioloxía e Electrofisioloxía Cardíaca diagnóstica e Terapéutica. Profesional recoñecida por sociedades científicas tanto nacionais como internacionais, é autora de máis de 40 artigos en revistas especializadas e de máis dunha vintena de capítulos de libros e monografías, sendo tamén colaboradora do Ministerio de Sanidade e da Universidade de Santiago de Compostela para a formación de especialistas en cardioloxía. 

Considerada como unha referencia mundial polo seu espírito investigador, leva 25 anos á fronte da unidade de arritmias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, en cuxa creación xogou un papel fundamental ao presentar unha memoria para a súa posta en marcha e ser proposta para levar a cabo este proxecto pioneiro en Galicia. 

Da  pandemia da covid-19, Luisa Pérez afirma que saca como aprendizaxe “a vertente humana, a entrega da medicina que, fiel ao xuramento hipocrático, deu todo o que tiña que dar, ata a vida, coa admirable entrega de todos os profesionais e persoal dos máis diversos servizos como limpadoras ou mantemento”. 

Con este galardón, cuxa creación foi aprobada no pleno celebrado en febreiro deste ano, a Deputación de Ourense recoñece a figura de Olimpia Valencia (Baltar, 1898) que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado, profesión que exerceu en Vigo ata o seu pasamento en 1987.