Luisa Pérez recibe o I Premio Olimpia Valencia por contribuír “ao avance da ciencia médica con técnicas que salvan milleiros de vidas”

Na entrega do premio, o presidente provincial, Manuel Baltar, destacou que a galardoada “concibe a ciencia médica como unha das máis elevadas prácticas do Humanismo”, subliñando o orgullo de pertenza á terra da doutora como “ese sentimento, esa forza vital á que denominamos Ourensanía”  

Luisa Pérez expresou a súa satisfacción e agradecemento á Deputación polo premio, “con humildade”, así como o seu respecto e admiración cara Olimpia Valencia á que imaxinou “ao remate da súa vida profesional observando emocionada os preámbulos do empoderamento da muller no mundo universitario, científico e médico” 

AVANTAR ACTIVIDADES

O xurado distinguiu a traxectoria profesional e investigadora da doutora Luisa Pérez no eido da cardioloxía, “entendendo a súa profesión ao servizo da humanidade nun momento tan especial a nivel mundial como a pandemia” 

Con este premio, que recoñece a persoas ou entidades do ámbito sociosanitario que loitaron en primeira liña contra a covid-19, a Deputación de Ourense lembra á ourensá que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado 

A cardióloga ourensá e coordinadora da unidade de arritmias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Luisa Pérez, recibiu hoxe o I Premio Olimpia Valencia, que a Deputación de Ourense vén de instituír para recoñecer ás persoas ou entidades que desde o ámbito sociosanitario estiveron en primeira liña loitando contra a pandemia da covid-19. A galardoada recibiu de mans do presidente provincial a reprodución dunha peza orixinal do escultor cambadés Franciso Asorey, “O tesouro”, recoñecendo e agradecendo “a súa contribución ao avance da ciencia médica con técnicas que permiten salvar milleiros de vidas”, destacou Manuel Baltar durante o acto de entrega do premio celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ademais de representantes do ámbito médico, económico e social, familiares e amigos. 

O presidente da Deputación subliñou a súa “inmensa satisfacción” por contar en primeiro lugar na relación de premiados “cunha insigne muller e sanitaria ourensá que concibe a ciencia médica como unha das máis elevadas prácticas do Humanismo, e que mesmo ten investigado e analizado a paixón e a morte de Xesucristo, desde unha perspectiva científica dos evanxelios”. 

Non obstante e máis aló do exercicio profesional da galardoada, Manuel Baltar referiuse “ao significado de pertenza a unha terra, do orgullo de ser da aldea, da satisfacción de sentirse parte dun pobo e da importancia de compartir unha lingua e unha cultura propias”, recollendo así unhas recentes declaracións de Luisa Pérez, subliñando que “ese sentimento, esa forza vital é a que denominamos Ourensanía”. 

Por esta razón, “cando nos xuntamos para celebrar desde a cercanía a unha destacadísima cardióloga da que nos beneficiamos dos froitos do seu esforzo, e cando lembramos a unha muller excepcional avanzada para o seu tempo como foi Olimpia Valencia, estamos afianzándonos como pobo, autoidentificándonos colectivamente e dando resposta, desde Ourense e desde Galicia, aos grandes retos da humanidade”. 

Nesta liña subliñou que hoxe “congréganos aquí o espírito e o tesón dunha ourensá exemplar, a primeira muller licenciada en Medicina en Galicia”, da que lembrou a súa vinculación nos anos da República con destacados galeguistas como Valentín Paz Andrade, Álvaro de las Casas ou Ramón Fernández Mato, apoiando aos candidatos do Partido Galeguista en Pontevedra e pedindo o si no plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, “valente actitude cívica pola que sufriu represalias durante a contenda civil e a postguerra”. 

Con este galardón, cuxa creación foi aprobada no pleno celebrado en febreiro deste ano, a Deputación de Ourense, dixo Manuel Baltar, recoñece a figura de Olimpia Valencia (Baltar, 1898) que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado (1925), estudos que rematou con premio extraordinario e matrícula de honra, profesión que exerceu na especialidade de xinecoloxía en Vigo ata o seu pasamento en 1987. 

“Unha ourensá de Cartelle” 

Luisa Pérez expresou a súa satisfacción e agradecemento á Deputación polo premio, “con humildade”, así como o seu respecto e admiración cara Olimpia Valencia á que imaxinou “ao remate da súa vida profesional observando emocionada os preámbulos do empoderamento da muller no mundo universitario, científico e médico”. 

A “ourensá de Cartelle, a patria da miña infancia como filla dunha familia de labregos sabios, coa sabedoría que dá a terra”, como ela mesma se definiu, repasou un itinerario vital que en 1989 converteuse “nun sono cumprido ao chegar a un hospital da categoría do CHUAC”. 

Desde a súa unidade de arritmias e co seu equipo, dixo, “facemos realidade o afamado dito de Concepción Arenal que di que as forzas que se asocian polo ben non se suman, multiplícanse”. Pasados 29 anos, “o proxecto que nos encargaron estará sempre inacabado, porque sempre haberá unha nova técnica máis que asumir, loitando por seguir á vangarda do coñecemento e dos avances tecnolóxicos, mantendo a máis firme das alianzas cos pacientes”. Concluíu afirmando “non estar afeita a recoñecementos, e pode que nisto me pareza a Olimpia Valencia porque, como ela, na discreción do meu traballo atopo a recompensa e o estímulo que preciso”. 

laudatio correu a cargo do xefe do servizo de Cardioloxia do CHUAC, José Manuel Vázquez, que fixo un percorrido pola vida profesional da premiada, “que foi a miña mestra”, sinalando que cómpre destacar “a súa dedicación e entrega ao coidado dos pacientes”. Todo un labor caracterizado “polo seu rigor científico, a responsabilidade, a equidade nas súas decisións, a análise exhaustiva dos resultados e unha potente ambición por mellorar permanentemente”,  apuntando ademais que “Luisa estivo fóra de Galicia nalgunha etapa da súa vida, pero Galicia nunca estivo fóra dela, porque a nosa cultura, a nosa lingua están enraizadas na súa alma”.  

Un labor “ao servizo da humanidade” 

A acta do xurado destaca a traxectoria profesional e investigadora da doutora Luisa Pérez no eido da cardioloxía, “entendendo a súa profesión ao servizo da humanidade nun momento tan especial a nivel mundial como a pandemia”. O xurado desta primeira edición estivo presidido pola deputada de Igualdade, Luz Doporto, exercendo como secretaria a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Ascensión Sampayo, e como vogais a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; a presidenta da Federación de Comercio, Beatriz Gómez; a vicerreitora do campus de Ourense, María Esther de Blas; a directora do Museo Municipal de Ourense, Eva Torres; e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro. 

Luisa Pérez (Cartelle, 1953) é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en Cardioloxía e Electrofisioloxía Cardíaca diagnóstica e Terapéutica. Profesional recoñecida por sociedades científicas tanto nacionais como internacionais, é autora de máis de 40 artigos en revistas especializadas e de máis dunha vintena de capítulos de libros e monografías, sendo tamén colaboradora do Ministerio de Sanidade e da Universidade de Santiago de Compostela para a formación de especialistas en cardioloxía. 

Considerada como unha referencia mundial polo seu espírito investigador, leva 25 anos á fronte da unidade de arritmias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, en cuxa creación xogou un papel fundamental ao presentar unha memoria para a súa posta en marcha e ser proposta para levar a cabo este proxecto pioneiro en Galicia.