O BNG demanda o incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero

A voceira municipal do BNG no concello do Carballiño, Sofía García, presenta ao vindeiro pleno municipal da vila a necesidade de destinar maiores recursos contra a violencia machista, e convida a reflexionar e actuar para avanzar na súa prevención, sensibilización e erradicación coa proximidade do 25 de novembro, día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

Así a voceira nacionalista esixe á Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como por exemplo no ámbito da atención psicolóxica garantida desde a atención primaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

García tamén demanda  da Xunta de Galiza o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio especialmente aquelas comarcas que actualmente carecen deste servizo así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que asumen unha maior carga de traballo. Para tal fin, a Xunta de Galiza elaborará e remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano un Plan específico debidamente orzado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo.

A pandemia da covid-19, indica a voceira do BNG, agravoua realidade de moitas mulleres, pois as medidas de confinamento e de restrición de actividade e mobilidade social supuxeron unha grave afección para a actuación sobre a violencia machista e o grave risco para milleiros de mulleres. Así, no primeiro semestre de 2021 xunto aos feminicidios tan coñecidos,  o Punto de Coordinación das Ordes de Protección abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección. 

O rexeitamento á  lacra da violencia machista na nosa sociedade púxose máis de manifesto, dí García, nos últimos tempos con un maior número de mobilizacións socias, máis concorridas manifestacións feministas, a cada vez maior resposta aos feminicidios, que permitiron entre outra avances importantes como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista e que até o 80% da sociedade entenda que este é un problema social que atinxe a todas as persoas e que non se circunscribe ao ámbito privado.

“Por todos estes motivos é tamén necesario que este 25 de novembro se fuxa de ritualismos e meras declaracións de intencións e que colectivamente asumamos máis compromisos orzamentarios, lexislativos e políticos contra a violencia machista.” declara Sofía García.