A Xunta e o concello de Castrelo de Miño colaboran para implantar solucións inmediatas e estruturais no sistema de abastecemento de auga do municipio

IES CHAMOSO LAMAS

O Concello e Augas de Galicia ultiman a concreción das medidas que deben activarse para garantir a calidade da auga a curto prazo

A Xunta tomará como base o estudo de alternativas xa realizado para redactar o proxecto construtivo das obras que permitan arranxar as incidencias de forma definitiva

HIPER MASIDE

A Xunta e o Concello de Castrelo de Miño colaboran para implantar solucións tanto inmediatas como estruturais no sistema de abastecemento de auga no municipio co obxectivo de garantir a calidade do servizo.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde do municipio, Avelino Pazos, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo en Santiago de Compostela, na que abordaron as actuacións necesarias para solucionar os problemas que xera o arsénico na auga e asegurar a calidade do abastecemento.

Os técnicos da Administración Hidráulica autonómica están a colaborar co Concello de Castrelo de Miño na definición das medidas concretas que cómpre activar de forma inmediata para atallar os problemas actuais e que se están a ultimar para poñer en práctica.

Xunto con isto, a Xunta redactará o proxecto construtivo das obras encamiñadas a arranxar de forma definitiva os problemas do sistema de abastecemento de auga de Castrelo de Miño, para o que se tomará como base o estudo de alternativas xa elaborado por Augas e Galicia.

Así, como primeira fase das obra, prevese a execución dunha captación e dunha potabilizadora baixo o núcleo de Santo Estevo, un bombeo ao depósito de cabeceira de Traveso e unha rede de distribución en alta con derivación aos depósitos exteriores.

O obxectivo é paliar os problemas derivados da presenza de arsénico na captación actual e atallar as carencias do sistema de abastecemento, especialmente no verán.

Xunto con isto, Augas de Galicia vén de adxudicar as obras de mellora da rede de abastecemento en varios núcleos do municipio por un importe de 40.000 €