O Pazo Provincial recibe á cidadanía na Xornada de “Portas abertas” da Deputación

Os detalles sobre o proxecto do hotel balneario que se construirá na actual sede da institución foi a principal novidade dunha cita xa tradicional, na que Manuel Baltar exerceu de guía co primeiro grupo da mañá

O Pazo Provincial recibiu hoxe á cidadanía na tradicional Xornada de “Portas abertas” que celebra a Deputación de Ourense, para “promover unha relación máis próxima coa institución que representa ao conxunto da provincia e os seus gobernantes, coñecer os espazos máis singulares e antigos do edificio e o seu funcionamento administrativo”, destacou o presidente da institución, Manuel Baltar, encargado de guiar ao primeiro grupo que visitou o edificio, desta volta unha ampla representación de veciñas e veciños do Concello de Pereiro de Aguiar, acompañados polo seu alcalde, Luís Menor.

AVANTAR ACTIVIDADES

A xornada tivo como principal novidade as explicacións que ofreceu Manuel Baltar sobre o proxecto de construción dun gran hotel balneario no actual inmoble, “que será un dos máis modernos e innovadores de Europa”, cuxos detalles puideron coñecer os visitantes a través dun vídeo, así como observar desde unha das galerías do primeiro andar a captación realizada no patio norte, onde se atopou, a 172 metros de profundidade, un acuífero termal cun caudal de 3 litros por segundo a unha temperatura de 41,6 graos e cun contido en sales minerais propio das augas termais de Ourense.

O despacho da presidencia, a sala de xuntas, a galería de expresidentes, a antiga biblioteca e o salón de plenos foron algúns dos lugares que tamén percorreron os visitantes para coñecer a historia, detalles arquitectónicos, artísticos e culturais do Pazo, construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975.

Os cidadáns que se achegaron hoxe ao Pazo Provincial recibiron un tríptico informático sobre os edificios que, xunto co Pazo Provincial, tamén pertencen á Deputación, como o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Pazo dos Deportes Paco Paz, o Teatro Principal, o mosteiro de San Pedro de Rocas ou o Pazo de Vilamarín, entre outras instalacións que acollen museos, obradoiros ou centros agrogandeiros e forestais.