María Antonia Rilo, proposta para a presidencia da mesa do 18º Congreso Provincial do PP ourensán

·       A candidatura complétase con Roberto Bermúdez como vicepresidente; Ana Fernández Morenza, secretaria e membro do comité organizador; e Noelia Vázquez e Carlos Gómez nas funcións de vogais

Publicidade

A coordinadora de Igualdade do Partido Popular de Ourense, María Antonia Rilo, foi proposta hoxe como presidenta da mesa do 18º Congreso Provincial do PP, decisión adoptada no transcurso da reunión que mantivo o comité organizador do cónclave popular, presidido por Jackeline Fernández.

Seguindo co establecido no artigo 33 do regulamento do congreso, a proposta complétase con Roberto Bermúdez como vicepresidente da mesa; Ana Fernández Morenza como secretaria e membro do comité organizador; e Noelia Vázquez e Carlos Gómez nas funcións de vogais.

No acto inaugural do Congreso, que estará presidido polo comité organizador, proporase ao plenario esta composición da mesa, que deberá ser ratificada por maioría simple dos compromisarios. Entre as función da mesa figura vixiar o cumprimento do regulamento do congreso, dirixir a sesión e moderar os debates.

Na reunión de hoxe e seguindo tamén co regulamento, procedeuse ao nomeamento dos membros que integrarán as oito mesas electorais habilitadas para a votación dos preto de 800 compromisarios que se darán cita no pavillón Paco Paz o domingo, 26 de setembro.