O BNG propón ubicar o centro de saúde fronte á estación do ferrocarril

A voceira municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, ven de manifestar a intención do BNG do Carballiño de propor como situación do novo Centro Integral de Saúde do Carballiño, os terreos situados en fronte da Estación de ferrocarril de Renfe.

O espazo proposto polas nacionalistas comprendería os terreos situados entre as rúas Vicente Risco, rúa Eladio Rodríguez González , a rúa Ourense e a Avenida 25 de xullo. Este terreo está constituído por varias parcelas que suman seis mil metros cadrados.  

Afirman que garanten un bo acceso tanto para peóns como para vehículos, ademais a súa  proximidade á estación de tren, que vai albergar a futura intermodal, onde estacionarán os autobuses.

Para o BNG esta parcela ofrece unha localización estratéxica pola súa comunicación extraordinaria coa Autovía AG-54, permitindo unha conexión terrestre moi rápida co Hospital de Ourense e co Hospital de Vigo se fose preciso. E ademais unha sinxela conexión coa AG-53, que favorecería a comunicación con Santiago e A Coruña.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------