O xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras estrea guía gastronómica dixital

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

.- A hostalería do xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, xestionado polo Inorde, xa teñen o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense (www.restaurantesourense.com). Esta incorporación da oferta do xeodestino a esta páxina gastronómica foi unha das actuacións que se ultimou no plan do acción do 2021 co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Trátase dunha ferramenta moi útil que proporciona información aos turistas do xeodestino, axudándolles a planificar a súa visita ”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Deste modo, os usuarios poderán ver a oferta gastronómica dos locais dos municipios do xeodestino, que quixeron adherirse a esta plataforma dixital destinada que naceu coa vocación de abordar toda a provincia de Ourense.

Nesta guía, que ofrece a posibilidade de descargar a súa propia aplicación, os potenciais consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración do xeodestino “Manzaneda, Trevinca, Valdeorras”, distribuídos por concellos. Desde a aplicación, o usuario pode coñecer a ubicación exacta do establecemento, chamar ao local directamente, coñecer o menú en tempo real do local, así como ter información precisa do establecemento (horarios, servizos, imaxes do local e dos pratos), e adicionalmente incluirase un vídeo de presentación de cada un.

Ademais, na mesma web tamén hai un blog que recolle a actualidade vencellada á enogastronomía da zona. Por exemplo, actualmente está a anunciar as I Xornadas do Botelo e Cocido Valdeorrés, que se celebrarán entre o 5 e o 27 de febreiro en 17 restaurantes.

Os municipios que integran este xeodestino son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Restaurantes Ourense

Esta guía de establecementos de restauración da provincia, naceu no marco do proxecto “Restaurantes Ourense” a finais do 2019, seguida dunha aplicación para a reserva de mesa para grupos e, por último, dunha aplicación para comida a domicilio. Actualmente, esta web atópase nos primeiros postos de busca en Google en distintas palabras claves como “restaurantes Ourense”, “comida a domicilio Ourense”,  “donde comer en Ourense”, etc.

Ademais, a aplicación para Android xa foi instalada en máis de 1.000 dispositivos móbiles e proximamente lanzarán a versión para IOS. A web, pola súa parte, logra nos meses de máis tráfico máis de 10.000 visitas mensuais. Actualmente, están inmersos no lanzamento da súa propia central de reservas de mesa a nivel provincial para os turistas, asesorándoos na busca do mellor restaurante que se adapte ás súas necesidades e gustos culinarios, así como para recomendarlles os pratos típicos de cada zona.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------