O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que un ano despois de reclamar “solucións urxentes” para os máis de 1.000 propietarios da concentración parcelaria da parroquia de Cartelle, iniciada no ano 1993, e que non contan cos títulos de propiedade, “todo segue paralizado”. Os socialistas critican a xestión do Partido Popular que “abandona a súa sorte á veciñanza” e non ofrece ningún tipo de solución aos afectados, a pesar de comprometerse a elo fai un ano, trala denuncia da situación por parte do PSdeG de Cartelle.
Dende o Grupo Municipal Socialista critican as “promesas incumpridas” dun goberno municipal que “nin está, nin se lles espera” e afirman a que o Concello atópase sumido na “absoluta parálise” e coa veciñanza reclamando solucións. Ao tema da concentración parcelaria, que rematouse entre os anos 2006 e 2007, sen que os propietarios recibisen os pertinentes títulos de propiedade, súmase tamén a ausencia de resolución do plan urbanístico. Un plan urbanístico que os socialistas xa denunciaron en marzo do ano pasado posto que é “totalmente prexudicial para a veciñanza do municipio”, xa que centos de veciños e veciñas quedarían coas súas vivendas localizadas en chan rústico, e que correrían o risco de que as súas vivendas fosen derrubadas en caso da aprobación de dito plan.
A situación agravouse nos últimos meses, xa que tal e como relatan dende o PSdeG-PSOE de Cartelle, “hai varios veciños e veciñas interesados en vender as súas propiedades e que contan con persoas interesadas en mercar ditas vivendas”. O problema xorde a hora de facer efectiva esa compra, xa que tal e como afirma o voceiro socialista no municipio, Jesús Pereira Vázquez, “ao non contar estas vivendas coa pertinente escritura e título de propiedade e atoparse en chan rústico, o comprador non quere asumir a adquisición da vivenda, xa que a situación non se atopa regularizada”.
Pereira Vázquez deixa claro que a situación actual “é insostible” e pide ao goberno municipal que se “implique dunha vez por todas na defensa dos intereses da veciñanza, que para iso foron elixidos polo pobo”. Para o voceiro dos socialistas de Cartelle a solución pasa por “esixirlle novamente á Xunta de Galicia que faga os deberes e proceda a emisión dos títulos de propiedade da parcelaria e que o Concello aprobe un plan de urbanismo no que non se prexudique á veciñanza para atender aos escuros intereses do alcalde, Jaime Sousa, a senadora, Carmen Leyte, e o seu séquito”.
Os socialistas xa presentaron un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”. Lembran tamén que dende o Grupo Municipal Socialista manifestaron no seu momento a súa conformidade para que Cartelle conte cun plan básico de ordenación do urbanismo, pero tamén explican que “non pode ser un plan que beneficie a uns e prexudique a outros”, como acontecerá co plan que o Partido Popular pretende levar a cabo.