Feijóo confírmalle ao alcalde de Beariz Manuel Prado a licitación en marzo da conexión da estrada ou-212 co futuro parque empresarial do Concello

O presidente do Goberno galego reuniuse con Manuel Prado López

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmoulle hoxe ao alcalde de Beariz, Manuel Prado López, a licitación para o vindeiro mes de marzo das obras que conectarán o futuro parque empresarial de Lebozán coa estrada OU-212, e que están orzamentadas en 380.000€.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante a xuntanza que mantiveron en San Caetano, o máximo mandatario galego e o rexedor de Beariz tamén analizaron actuacións en materia de infraestruturas que lle resultan prioritarias ao concello, entre as que se atopan a mellora das beirarrúas nalgún dos treitos da travesía de Beariz e a humanización de diferentes rúas deste concello.

No encontro, o titular do Executivo galego e alcalde abordaron cuestións vencelladas á posta en valor do patrimonio cultural deste concello ourensán, como son os dos dous importantes castros prerrománicos, situados en Garfián e Magros.

En canto ás demandas en materia de infraestruturas deportivas, Núñez Feijóo e Prado López trataron a petición do concello da construción dunha pista de pádel que, de realizarse, sumaríase a outras actuacións xa executadas recentemente no Concello de Beariz pola Secretaría Xeral do Deporte, entre as que destacan obras de ampliación e novas salas no  Pavillón Municipal e a creación dunhas pistas biosaudables, cofinanciadas entre a Xunta de Galicia e este concello.