a Xunta apoiará ao concello de Leiro no impulso da súa primeira área de rehabilitación integral

  • Ángeles Vázquez sinala que Galicia fixo unha forte aposta por esta figura, coa declaración de 76 ARI municipais e 3 supramunicipais nos últimos 25 anos e un investimento mobilizado para a súa posta en valor de 185 millóns de euros
  • O rexedor trasládalle que Leiro optará este ano aos distintivos ‘Vilas en Flor’, unha iniciativa para poñer en valor os espazos verdes e axardinados dos municipios galegos

A Xunta de Galicia comprometeu o seu apoio e asesoramento ao Concello de Leiro co obxectivo de avanzar na tramitación da futura Área de rehabilitación integral de San Pedro, que sería a primeira deste municipio.

No marco dunha reunión para abordar diferentes asuntos de interese municipal, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle ao alcalde, Francisco Fernández, que pode contar coa colaboración técnica do Instituto Galego da Vivenda e Solo para avanzar no seu proxecto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras lembrar que a Xunta apostou desde o principio por esta figura para recuperar determinados ámbitos das vilas e cidades galegas, a conselleira incidiu en que nos últimos 25 anos se teñen declarado 76 ARIs municipais e 3 máis de carácter supramunicipal —Camiños de Santiago, Illas Atlánticas e Ribeira Sacra—, un balance que converte a Galicia na Comunidade con máis áreas deste tipo e cun investimento mobilizado ata o momento de 185 millóns de euros.

Pola súa parte, o alcalde de Leiro trasladoulle o interese do Goberno local por dotar ao municipio da súa primeira área de rehabilitación integral e indicou que nestes momentos xa conta cunha memoria do proxecto que inclúe a delimitación do futuro ámbito. Así, a zona proposta está situada na contorna da Capela de San Pedro —da que toma o seu nome—, ao oeste do núcleo de Leiro, e abrangue unha superficie que supera os 80.000 metros cadrados na que se localizan máis de 50 construcións.

Segundo explicou o alcalde, a través da futura ARI preténdese apostar por un modelo de crecemento ordenado e adaptado á realidade do propio núcleo, poñendo en valor un novo espazo de rehabilitación e actividade económica que contribúa a evitar o abandono, revitalice a contorna e fixe poboación, facendo tamén fincapé na recuperación

Neste sentido, a conselleira considerou que a figura da área de rehabilitación integral encaixa á perfección con estes obxectivos, polo que animou ao rexedor a seguir traballando e dando pasos para lograr a declaración do ámbito proposto dentro do núcleo de Leiro.

Así, lembrou que, unha vez declarada a ARI polo Consello da Xunta, os veciños de Leiro poderán beneficiarse de incentivos para executar actuacións de rehabilitación nos seus inmobles, mentres que o propio Concello tamén poderá acceder a axudas públicas para recuperar espazos públicos nos que se localicen as vivendas a rehabilitar, con axudas de ata 2.000 euros por cada unha.

Vilas en Flor

Por outra banda, o rexedor ourensán aproveitou a reunión para informar á conselleira de que Leiro optará este ano ao certame Vilas en Flor, unha iniciativa coordinada pola Fundación Juana de Vega no marco do labor que desenvolve co fin de lograr a mellora integral do territorio e da paisaxe en Galicia e na que colabora tamén a Consellería.

Neste sentido, explicou que o Goberno local xa ten lista a súa candidatura ás chamadas flores de honra, distintivos que concede anualmente un xurado especializado —ata un máximo de cinco por concello— a aqueles municipios que de forma voluntaria deciden participar no programa e presentan unha memoria na que se recollen os principais espazos verdes e zonas axardinadas que os fan merecedores deste recoñecemento.