A Xunta colabora co concello de Leiro en actuacións destinadas a garantir a protección do medio ambiente

Alfonso Rueda acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobaron da man do alcalde de Leiro, Francisco Fernández, as melloras levadas a cabo no concello por 32.000€ para construír un pozo de barrena e un alxibe que dote da auga necesaria para o rego do campo de fútbol municipal e das áreas recreativas no Salgueiral e Mesón, así como a renovación da iluminación na zona dos Carrís substituíndo os faroles por luces LED ao abeiro da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental de 2021, que contou cunha axuda de 30.000€.

O titular da Vicepresidencia primeira indicou que estes proxectos demostran o  compromiso co desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente. “Obxectivos cos que tamén a Xunta está comprometida, polo que vimos apoiando cos concellos galegos a través das convocatorias anuais do Fondo de Compensación Ambiental e outras liñas de colaboración”, indicou Alfonso Rueda.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Goberno galego inviste este ano 11,3M€ no Fondo de Compensación Ambiental para axudar aos concellos en iniciativas como as 248 beneficiarias o ano pasado no marco desta orde, e que nos últimos anos permitiu cofinanciar máis de 2.300 proxectos por máis de 108M€.

O concello de Leiro recibiu arredor de 1,1M€ para proxectos cos que mellorar os servizos públicos prestados aos cidadáns, as súas infraestruturas e a súa contorna. Ademais, este concello é un exemplo de cooperación entre as propias entidades locais para evitar duplicidades, ser máis eficientes e aforrar custos, xa que forma parte da  Mancomunidade turística dos concellos de Leiro, O Carballiño, Ribadavia e Boborás, que recibe axudas para os seus gastos de funcionamento e comparte tamén servizos medioambientais da Mancomunidade IV Ribeiro, da que forman parte con Arnoia, Cenlle e Beade.