As agrupacións de Protección civil de Boborás, Carballeda e Cortegada beneficiadas coa entrega de tendas de campaña de emerxencias

A Xunta reforza o equipamento de 13 agrupacións de protección civil da provincia de Ourense coa entrega de tendas de campaña de emerxencias

  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixeron hoxe entrega deste material habilitado para despregarse en situacións de emerxencia e con facilidade para o seu transporte, montaxe e desmontaxe
  • Na provincia ourensá recibirán cadansúa tenda de campaña de emerxencias as AVPC dos concellos de Barbadás, Bande, Boborás, Carballeda de Avia, Cartelle, Castro Caldelas, Cortegada, Lobios, Paderne de Allariz, Riós, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía
  • A Xunta investiu 1M€ na última orde de axudas para colaborar na adquisición de equipamento para as agrupacións da comunidade, entre o que se inclúen un total de 26 tendas de campaña
  • O investimento do Goberno galego destinado aos voluntarios de Protección Civil nos últimos anos acada os 15M€, dos que 11M€ se corresponden co reforzo do material de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entrega de 13 tendas de campaña de emerxencias destinadas ás  Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos ourensáns de Barbadás, Bande, Boborás, Carballeda de Avia, Cartelle, Castro Caldelas, Cortegada, Lobios, Paderne de Allariz, Riós, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase de tendas de campaña habilitadas para ser despregadas en situacións de emerxencia e que ofrecen ademais facilidades para o seu transporte, montaxe e desmontaxe. En total, a Xunta distribuíu 26 tendas destas características a AVPC de toda Galicia no marco da orde de axudas do ano pasado destinada a reforzar o equipamento de agrupacións de 66 concellos galegos e 1 mancomunidade.

En total, o Goberno galego investiu 1M€ na adquisición destas 26 tendas de campaña de emerxencias -entre elas as 13 entregadas hoxe na provincia de Ourense, xunto con 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve e 8 esparexedores de sal.

A Xunta mantén o compromiso coas 234 agrupacións da comunidade tanto a través desta orde para reforzar o seu equipamento como nas subvencións anuais destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de  340.000 euros.

Deste xeito, a contía destinada pola Xunta nos últimos anos en apoio das AVPC supera os 15M€, dos que máis de 11M€ se investiron na adquisición de material e os máis de 4M€ restantes nos gastos relacionados co mantemento da súa actividade.

Santiago Villanueva destacou o importante papel que desempeñan os voluntarios de Protección civil como reforzo aos servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións. Ademais, lembrou o imprescindible traballo realizado durante a pandemia do coronavirus, con máis de  100.000 operativos de reparto de alimentos e medicamentos, desinfeccións de espazos públicos e outros labores en beneficio da sociedade.

Pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta tamén asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e leva investidos 9,3 millóns de euros en material de emerxencias cedido a estes grupos.

En total, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a 21,3M€.