BNG leva ao Congreso o futuro proxecto da estación intermodal de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Rego rexistra iniciativas para coñecer as intencións do Goberno do Estado para trasladar as vías operativas ás máis próximas a Rúa Arnoia e liberar máis de 100.000 metros cadros para uso público

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Reivindica a implantación do servizo de cercanías ferroviarias que permita vertebrar o territorio e ofrecer unha política que favoreza o uso do transporte colectivo máis eficaz e sustentábel

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para exixir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que licite as obras da estación intermodal de Ourense, após anunciar o seu compromiso coa cidade. A organización nacionalista defende que o proxecto de reforma do trazado para a circulación de trens se traslade ás vías máis próximas á rúa Río Arnoia e non na súa localización actual para unha mellor circulación.

Tras a publicación, por parte de ADIF, no Diario Oficial da UE de dous anuncios previos a licitación de dous dos principais contratos para a execución das obras na estación do Empalme de Ourense, a formación nacionalista rexistra preguntas para a súa resposta escrita para coñecer as intencións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como o calendario para esta actuación. Trátase, de maneira máis concreta, dun contrato de subministracións e transportes dos desvíos ferroviarios por valor de 6.9 millóns de euros e outro contrato por importe de 1.5 millóns.

De facto, a propia Ministra comprometeuse a licitar as obras no segundo trimestre de 2022. “Trátase da remodelación do edificio de viaxeiros existente, da construción de novos accesos e elementos que faciliten a mobilidade en toda a zona ou de novas cubertas para a praia de vías, debe acometer unha reforma do trazado actual para a circulación dos futuros trens” explica o deputado nacionalista.

Mais o obxecto principal das iniciativas rexistradas vén a tenor dunha das cuestión máis polémicas do proxecto. “O BNG defende desprazar as vías da súa localización actual ás vías que se atopan máis próximas á rúa Río Arnoia para mellorar a circulación tanto de pasaxeiro como dos trens” subliña Néstor Rego. Ademais, dito traslado permitiría liberar aproximadamente 100.000 metros cadrados de chan que “poderían destinarse para uso e desfrute da cidadanía de Ourense”.

Por este motivo, o BNG quere coñecer se o Ministerio, ademais de cumprir cos compromisos adquiridos pola Ministra, comparte a visión de trasladar as vías operativas e liberar o espazo. O deputado nacionalista lembra que xa presentaron iniciativas similares ante a posíbel especulación dos terreos que se podían liberar, de producirse este desprazamento das vías, e reivindica ese espazo como “un lugar público do que a veciñanza de Ourense debe desfrutar”.

Servizo de proximidades ferroviarias: a campaña “Queremos Tren”

O deputado do BNG no Congreso, aproveita a ocasión para reclamar a implantación do servizos de cercanías ferroviarias no País, con especial atención ás áreas metropolitanas das cidades. Rego defende o ferrocarril como un medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola modernización tanto das infraestruturas, das redes como dos servizos ferroviarias.

Así mesmo, lembra as diversas iniciativas rexistradas en que se reclama ao Goberno do Estado para rectificar a súa política de desmantelamento do servizo ferroviario interno na Galiza e retome as liñas e frecuencias do AVANT que conecta a cidade de Ourense con Santiago e Coruña, así como o estabelecemento de tarifas máis baratas que permitan empregar o transporte colectivo en detrimento do vehículo particular.