Aprobadas as bases para a concesión de axudas a festivais, ciclos e mostras relacionadas coas artes escénicas e culturais

No ámbito da cooperación concedéronse 185.000 euros para colaborar en proxectos promovidos por concellos e entidades 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense,  reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou as bases reguladoras de concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se desenvolvan integramente na provincia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. O orzamento para esta convocatoria é de 60.000 euros. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de dous proxectos e as axudas terán como límite o 70 % do custo total de cada proposta. En calquera caso, ningún beneficiario poderá obter achegas por un importe superior a 20.000 euros para o conxunto das iniciativas que presente. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes desde a publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e ata o 30 de abril de 2022. 

No capítulo de cooperación cos concellos aprobáronse as seguintes subvencións: preto de 23.000 euros o Concello de Bande para a dirección e coordinación de saúde na reitoral de santa Comba; case 48.000 euros para o acondicionamento e peche da área de xogos na residencia de Lobios; máis de 19.000 euros en senllas axudas ao Concello de Porqueira para a reforma da vivenda da casa escola de Paradela de Abeleda e a mellora do saneamento nas localidades de Forxa, Filgueira e Toxal; e 25.000 euros a Xunqueira de Espadanedo para o Museo de Olería. No tocante á colaboración coas entidades acordouse a concesión dunha subvención de 71.000 euros á sociedade Meisa, titular da estación de montaña de Manzaneda, no marco do programa EsquiOU 2022. 

Ademais, a Xunta de Goberno procedeu á modificación das bases do programa EmprendOU, para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. O cambio adóptase para paliar as consecuencias da crise sanitaria provocada pola covid-19 e implica que as solicitudes poderán presentarse ata o 30 de xuño do presente ano, prorrogándose o programa ata o 31 de decembro.