En Piñor: “Semana dos Superpoderes”; educación en valores e intelixencia emocional

O Programa complementario de educación e apoio familiar do Concello de Piñor pon en marcha unha nova actividade para os nenos e nenas, trátase da “SEMANA DOS SUPERPODERES”.  

O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é servizo que ademais de trallar de forma individualizada coas familias diferentes problemáticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc) tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar aspectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, levarase a cabo a actividade SEMANA DOS SUPERPODERES, unha maneira orixinal, lúdica e chamativa de traballar cos nenos e nenas as habilidades precisas para afrontar as diferentes dificultades que podan atopar ó longo da súa vida. A educación en valores como o respecto é esencial para crear adultos que, no día de mañá, configuren unha sociedade mellor. Por outra banda, preténdese dotar ós participantes de “superpoderes” como a autoestima, a empatía... e competencias emocionais que fomenten o seu desenvolvemento persoal e faciliten a resolución de conflitos. Terá lugar os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de 10h a 14h, no Centro Social. A inscrición é gratuita e deberá formalizarse en Servizos Sociais ata o 6 de abril. Manteranse tódalas medidas actuais de prevención contra o COVID19.

AVANTAR ACTIVIDADES

Animamos á poboación a inscribir ós seus fillos e fillas nesta actividade, que ademais de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, permitirá que os nenos e nenas desfruten aprendendo.