A Xunta adxudica máis de 160.000 euros para obras de mellora do saneamento das localidades de Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 160.000 euros as obras de mellora do saneamento das localidades de Sifón e San Vicenzo, no concello de Avión.
A actuación, adxudicada á empresa Hordescón S.L. e cun prazo de execución de 4 meses, o seu obxectivo é conectar as redes de saneamento destes dous núcleos co colector xeral de Avión, xa que estes núcleos contan na actualidade con redes de saneamento que conflúen en fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente.
As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asume o 80% do investimento e executa as obras, e o Concello de Avión, que contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a conservación das actuacións. .
A intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia covid-19.

Esta actuación dá continuidade ás obras realizadas en 2013 pola Xunta, coa execución de dous colectores xerais nos núcleos de Avión, Cendóns e Beresmo e unha depuradora para 1.250 habitantes, que supuxo un investimento de preto de 830.000 euros.
As obras incluídas no contrato adxudicado contemplan a execución dunha rede de conexión á citada depuradora de Avión, deseñada xa no seu día para dar servizo tamén á poboación destes dous núcleos do concello de Ourense.
Os traballos consisten na construción de dous tramos de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm e unha lonxitude total de algo máis dun quilómetro. A actuación permitirá atender a unha poboación de 94 habitantes para o horizonte ano 2045.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, mantén o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan prestar eficazmente os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

AVANTAR ACTIVIDADES