Espazo Común acusa ao Alcalde de mentir no Pleno sobre unha sanción pola depuradora

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMUN:

FUMEGA MENTIU EN PLENO CANDO XA SABÍA QUE O CONCELLO TERÍA QUE PAGAR 240.000 € DE MULTA POLA DEPURADORA

AVANTAR ACTIVIDADES

Mantivo durante a sesión de febreiro que estaba pendente dunhas alegacións que xa foran desestimadas ¡¡5 meses antes!!.

Como denunciou Espazo Común a inoperancia do goberno municipal levou a unha sanción da CHMS por non legalizar os verquidos da EDAR do Carrás .

O pasado 16 de febreiro tivo lugar un encendido debate no pleno do Carballiño a causa dunha moción presentada por Espazo Común para que se regularice a situación das dúas depuradoras coas que contamos.

A razón desta proposta foi que tiñamos comprobado, en documentación oficial, xa varias sancións impostas ao Concello por verquidos ilegais ao Carrás. Ata chegar á liquidación do canon anual dos exercizos 2017, 2018, 2019 e 2020, onde a CHMS (Confederación Hidrográfica Miño-Sil) impuxo unha taxa de 60.000 € anuais, multiplicando por 5 o que tería sido se se tivera legalizada a instalación. Cómpre suliñar que leva en funcionamento dende o ano 2011, polo que tempo para facelo houbo abondo.

Sobre todo, tendo en conta que o noso grupo leva tres anos advertindo desta situación pleno tras pleno.

Así, o Concello do Carballiño ten que desembolsar 240.000 € tirados a lixo pola inoperancia do goberno municipal.

Durante a discusión da moción (que pode verse nas redes sociais) Fumega mantivo que a sanción aínda non era firme e que confíaba en que se aceptaran as alegacións presentadas ante o organismo de conca. O voceiro do PP abrazou tamén este argumento.

Dende Espazo Común, manifestamos o noso desexo de que así fora para aforrar eses 240.000 € das arcas municipais pero que tiñamos moitas dúbidas pois as obxeccións aportadas eran moi febles e a mágoa foi non ter feito o traballo que tocaba en tempo.

Non diremos que nos sorprendeu averiguar co paso das semanas que o alcalde mentiu descaradamente aínda sabendo que  estaba a velo toda a veciñanza ao través da televisión local.

As alegacións ás que fixo referencia foron desestimadas pola CHMS ¡¡5 meses antes!!, o 29 de setembro do ano pasado (adxuntamos documento que o acredita).

O que aínda non poidemos ver foi a resposta concreta ás mesmas pois os expedientes que se nos facilitan van sen moitos documentos, outra ilegalidade flagrante.

Semella que no Concello do Carballiño xa se dá por normalizado que o alcalde minta aos cidadáns sen pudor de ningún tipo pero para nós e para moitos veciños é un comportamento inaceptable, vergoñento e e en democracias serias, máis que suficiente para que tivera que marchar para a casa.

Na sesión plenaria deste mes de abril, aprobarase a modificación de crédito para facer o pagamento dos 240.000 €, que ben poderían ter ido para algún arranxo dos que son tan necesarios. Agardamos que alí se dean explicacións ao respecto. Aínda que, tristemente, sospeitamos que nos veremos envoltos nunha nova xeira de trolas, excusas e malabares para tentar culpar a outros. Estilo Fumega.


DESESTIMACIÓN DAS ALEGACIÓNS