A nova pista de tenis en Beariz leva o nome de Roberto Rodríguez Vázquez

O pleno da corporación municipal de Beariz en sesión celebrada o 11 de marzo de 2020 aprobou por unanimidade adicarlle o nome de Roberto Rodríguez Vázquez á pista de tenis ubicada na paraxe de A Goberna.

En consecuencia con esa decisión onte ás 17:30h procedeuse ao acto protocolario de descubrimento da placa co seu nome, acto que contou coa presenza do Presidente da Federación galega de Tenis, Xosé Mosquera, de membros da corporación municipal, da súa familia e veciños do concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras unhas breves intervencións por parte do Alcalde, de Xosé Mosquera, e de Roberto Rodríguez, houbo uns minutos de demostración nos que tamén participou o pai do tenista.

Texto da xustificación do acordo:

Roberto Rodríguez Vázquez naceu en Querétaro (México) o 1 de xuño de 1980.

Comezou a súa andaina no mundo do tenis dende moi pequeno. Seu pai, amante tamén deste deporte, foino introducindo pouco a pouco neste mundo ata que no ano 1991, con só 10 anos, se proclamaba campión do seu primeiro torneo. Comezaba a medrar como deportista e como persoa; moitos foron os torneos ao longo destes anos nos que se proclamou campión e que marcaron a súa vida. Así no ano 1996 obtén a medalla de prata nas primeiras olimpíadas xuvenís de México. En 1997 trasladouse a vivir a Zaragoza, onde é fichado pola Federación Aragonsesa de Tenis. Durante este período coroouse como Campión xunior de Aragón. Aos 18 anos pasa a converterse en xogador absoluto quedando campión absoluto de Aragón en dobres, campión absoluto de Teruel e Zaragoza entre outros.

No ano 2000 foi seleccionado para formar parte da Copa Davis de México, que gañou contra Costa Rica. Máis tarde, neste mesmo ano comeza a súa xira ATP en Turquía acadando os seus primeiros puntos ATP (Asociación de Tenistas Profesionais) e entrando por primeira vez no ránking mundial como 1100 do mundo.

Despois da súa xira por Turquía e outra xira por México na cal sumou máis puntos para mellorar o seu ránking mundial, decide cambiar de rumbo e converterse en adestrador. Así no ano 2002 acepta unha oferta de traballo na Universidade Autónoma de Querétaro. Ao ano seguinte ofrécenlle a posibilidade de traballar en Galicia e quédase a vivir aquí compatibilizando o seu traballo como adestrador con múltiples torneos nacionais.

Nesta nova etapa prepárase e obtén o curso ITF1 E 2 pola Federación Internacional de Tenis e o Máster de Coordinación e Dirección de Entidades Deportivas polo Instituto Kernaba. Durante estes anos traballou en varios Clubs en Galicia e pasou a ser Director Deportivo  do Club de Campo de Vigo.

Entre os logros deportivos desta etapa podemos destacar que foi gañador de múltiples torneos, participou na Rolda final do Campionato Absoluto de España (Barcelona 2011), así como a participación na Competición Interclubs en Francia conseguindo o ascenso do equipo.

No ano 2012 obtén a vitoria no Campionato Galego Absoluto de Tenis, coroándose como o número 1 da nosa Comunidade Autónoma. Volveu a proclamarse campión galego absoluto no 2015, 2016 e 2017. Subcampión de España de veteranos de máis de 35 anos no 2015, subcampión do mundo de veteranos no ano 2016 coa selección Española. Subcampión de Portugal por equipos veteranos no 2018 e Campión de Portugal por equipos veteranos no pasado ano 2019.

Por todo o exposto propoño ao Pleno da Corporación se tome o acordo de adicar o nome da pista polideportiva recentemente rehabilitada, ubicada na Goberna a Roberto Rodríguez Vázquez.