O Psdeg de Pereiro critica que os orzamentos para 2022 son “insuficientes”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

 O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar critica que os orzamentos municipais aprobados polo goberno municipal para 2022, no pleno extraordinario celebrado esta mañá, son “insuficientes” e “incumpren” coas demandas e necesidades da veciñanza do municipio. “Son unhas contas que non teñen en conta partidas clave para o desenvolvemento do municipio, a dotación de infraestruturas ou para a mellora da economía municipal”, argumentan os socialistas.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Grupo Municipal Socialista de Pereiro de Aguiar esgrime que votaron en contra dos orzamentos presentados polo equipo de goberno “porque supoñen un malgasto para as arcas municipais, xa que non apostan polo aforro, nin polo fomento das enerxías renovables, teñen un capítulo de gasto en persoal moi elevado, e segue sen apostar pola construción de infraestruturas que a veciñanza e a oposición levamos anos reclamando”.

Os socialistas de Pereiro volveron a lembrarlle ao goberno municipal que estas contas “seguen sen ter en conta a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT)”. Explican que este instrumento técnico “é clave” para un “correcto” deseño da estrutura de persoal do Concello e para adecuala ás “necesidades” do servizo público. Neste senso, o PSOE de Pereiro apunta a que “levamos anos solicitando unha RPT e reducir a excesiva temporalidade, pero a día de hoxe seguimos sen esa RPT, o persoal segue a ser na súa maioría temporal e o gasto en persoal é a partida máis elevada do orzamento, con case 3 millóns de euros”.

Outro dos puntos, destas contas para 2022, cos que o PSdeG-PSOE de Pereiro se amosa crítico é que non se inclúa unha partida para a creación dunha casa da cultura. Os socialistas critican que “non se aposte pola cultura e por un lugar para a realización de actividades” e denuncian que se “está discriminando a poboación de Pereiro, en relación con outros municipios de máis de 5.000 habitantes como Verín, O Carballiño, O Barco, Xinzo, Allariz ou Ribadavia, que si dispoñen dunha casa da cultura e incluso en relación con concellos de menor poboación, que tamén teñen esta dotación”.

As subvencións son outro dos puntos no que os socialistas non están de acordo e lle esixen ao goberno municipal que “sigan uns criterios claros para ser outorgadas e que no caso das asociacións deportivas, se teñan en conta aquelas que fomenten o deporte base”. Tamén lle piden ao Concello que realice “máis investimentos nas diferentes poboacións do Concello, xa que non pode ser que se actúe sempre nos mesmos núcleos de poboación”. Critican que no se destine unha partida específica para o saneamento do río Loña “como levamos anos reclamando”.

O grupo municipal socialista tamén a alerta da “necesidade imperiosa” de sacar a concurso público os subminístroos, e especialmente a electricidade, xa que tal e como apuntan “debemos reducir custes e fomentar as enerxías renovables”. O PSOE en Pereiro tamén denuncia que “levamos anos pedindo un plan de rehabilitación e recuperación do patrimonio etnográfico e cultural, pero o PP e os seus socios seguen facendo oídos xordos e sen realizar os investimentos anuais para que se leve a práctica”.

Por último, os socialistas tamén “botan en falta” que se contemple nas contas a necesidades da creación dun plan municipal de rehabilitación de vivendas e núcleos rurais, así como unha oficina municipal de axuda a rehabilitación. Argumentan que Pereiro de Aguiar “é un concello atractivo para asentar poboación, pero debe contar cos organismos necesarios para fomentar que as persoas veñan ao noso municipio, se empadroen e teñan as facilidades necesarias para comprar ou rehabilitar unha vivenda, ao igual que os actuais veciños e veciñas no caso de querer rehabilitar algunha vivenda”.