- O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Leiro veñen de asinar un convenio que destinará preto de 38.000 euros a acometer esta mellora, financiada a partes iguais polo Sergas e o Concello
- A Xunta destinou o ano pasado preto de 700.000 euros para cofinanciar 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destaca un sistema de climatización. No acto estiveron acompañados polo delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
Este acordo tramitouse tomando como base unha memoria arquitectónica achegada polo alcalde de Leiro o pasado novembro despois de manter unha reunión co conselleiro na que lle garantiu o apoio para abordar esta reforma.
Segundo a dita memoria, as obras a executar terán un importe total de 38.562 euros, correspondendo a meirande parte á instalación dun sistema de climatización do centro, con grandes problemas de calor no verán. A instalación desde sistema, con dúas unidades exteriores e oito interiores, requirirá a desmontaxe ou demolición de varios falsos teitos e a súa posterior reposición.
Por outra banda, a obras de reforma incluirán tamén outras dúas actuacións: un pintado interior completo das estancias do centro e a instalación dunha marquesiña metálica acristalada na porta de acceso ao edificio, para protexer da choiva aos pacientes que desembarquen dun vehículo privado ou dunha ambulancia na entrada do centro.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Leiro contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.
Ademais lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Rodeiro nos últimos anos pois, froito do investimento de oito millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo, un espirómetro e un hólter de presión arterial.
Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. En particular, na provincia de Ourense financiáronse actuacións nos centros de saúde dos concellos de Amoeiro, Beariz, O Bolo, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Maside, Rairiz de Veiga e Vilardevós.
A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
No orzamento para este ano a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Leiro recibe 7.283 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.
En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.