A Xunta recibe 6 ofertas para dotar de acceso o futuro parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, que suporá un investimento autonómico de 445.000€

O obxectivo é iniciar as obras en setembro e que a comezos de 2023 estean rematadas para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio

Actuarase na OU-212 á entrada do futuro polígono de Lebozán, conectando o viario interior coa estrada autonómica, dándolle maior operatividade á área industrial

AVANTAR ACTIVIDADES

A intervención desenvolverase en 250 metros pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ao polígono

Habilitaranse cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación e a saída da estrada, ademais dun carril central de espera para favorecer os xiros desde esta vía autonómica cara á área empresarial

A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212, o que suporá un investimento autonómico de 445.000 euros.

O obxectivo da Xunta é iniciar estes traballos en setembro, polo que que a comezos de 2023 poderán estar rematados, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses.

En paralelo ao proceso de adxudicación das obras avanzarase nas expropiación das 6 fincas necesarias para que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde a OU-212.

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.

Actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara a área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

Tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.