A provincia de Ourense comeza hoxe a promocionar a súa calidade agroalimentaria na 35 edición do Salón Gourmets. O Inorde participa, por primeira vez, nesta feira de alimentos e bebidas de calidade, con 12 microempresas como coexpositoras que exporán os seus produtos ata o 28 de abril.
A xerente do Inorde, Emma González, estivo hoxe en IFEMA, Madrid, na inauguración deste Salón, no que participamos co obxectivo “de impulsar accións que promovan produtos agroalimentarios que xeren valor engadido ao territorio e faciliten plataformas de promoción”. para os produtores que lles permitan diversificar as canles de comercialización”.
Ademais, o xerente do Inorde destacou que é “unha oportunidade idónea para dar a coñecer a enogastronómica da nosa provincia, seguindo coa estratexia marcada pola Deputación de que, a través do Inorde, se apoie ao pequeno comercio deste sector, un deses que máis creceu durante a pandemia na provincia”.
O stand do Inorde, deseñado con doce módulos para que cada unha das empresas participantes poida expoñer e promocionar os seus produtos, tamén está pensado para que os produtores ourensáns poidan manter reunións de traballo, facilitando a posibilidade de establecer novas relacións comerciais.
Co-expositores
As empresas que están con Inorde no Salón Gourmets 2022 como coexpositores pertencen a distintos sectores agroalimentarios e son as seguintes: adega Sameirás de Ribadavia, Adegas Celme de Castrelo de Miño; Bodegas Sampayolo de Petin; Eduardo Bravo Viña de Leiro; Hermanos Ferradás Irixo, baixo o que se promocionarán diferentes produtos locais que están dentro da “Marca O Irixo”; Cumes de Trevinca do sector lácteo a través das que se darán a coñecer os “Sabores de Trevinca”, que reúne os produtos que se elaboran no concello da Veiga; A Xeadaría Central cos seus xeados artesáns; Esdinela Technical Solutions con Nela Gourmet de San Cristovo de Cea coas súas creativas mermeladas; Doce Bágoa de Boborás co seu mel; A Vaquería de Baltar coa súa tenreira 100% galega; Postoiro SCG de Vilar de Santos con produtos da horta; e, por último, Patatas Ama de Xinzo de Limia.
Na inauguración tamén estiveron presentes os alcaldes do Irixo, Manuel Cerdeira; e da Veiga, Juan Anta, para apoiar a promoción dos produtos elaborados nos seus concellos baixo as marcas “O Irixo” e “Sabores de Trevinca”, respectivamente.