Gabriel Alén subliña a importancia da colaboración entre as distintas indicacións xeográficas protexidas para favorecer os recursos enoturísticos de Galicia

  • O delegado territorial explicou que Viños das IXP de Galicia é un proxecto de cooperación dos grupos de desenvolvemento rural no que colaboran 15 adegas, repartidas entre as catro indicacións xeográficas protexidas de viños da nosa comunidade
  • No ano 2021 resolveuse a primeira convocatoria de axudas que se fixo para actividades de cooperación, cun orzamento total de case 500.000 euros
  • O proxecto liderado polo grupo Pontevedra-Morrazo ‘Dinamización e promoción das IXP Viños de Galicia’ trata de impulsar a vitivinicultura nas indicacións xeográficas protexidas de viño de Galicia, mediante un intercambio de experiencias, mellorando o coñecemento e posicionamento web, desenvolvendo o enoturismo e aflorando sinerxías entre os seis grupos de desenvolvemento rural que participan

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou a importancia  de potenciar as canles de comunicación e cooperación entre as distintas indicacións xeográficas protexidas de viños de Galicia para favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

O delegado territorial, que participou esta mañá na inauguración das xornadas  de promoción dos viños da IXP Val do Miño, explicou que Viños das IXP de Galicia é un proxecto de cooperación dos grupos de desenvolvemento rural no que colaboran 15 adegas, repartidas entre as catro indicacións xeográficas protexidas de viños de Galicia (Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense).

AVANTAR ACTIVIDADES

Este proxecto pretende -segundo Gabriel Alén- impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean. Neste senso, o delegado territorial indicou que nesta iniciativa participan os grupos de desenvolvemento rural de Pontevedra Morrazo (grupo coordinador), Galicia Suroeste Eu rural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia).

Así, dito proxecto -que está liderado polo GDR Pontevedra-Morrazo trata de impulsar a vitivinicultura nas indicacións xeográficas protexidas de viño de Galicia, cun intercambio de experiencias, mellorando o coñecemento e posicionamento web, desenvolvendo o enoturismo e aflorando sinerxías entre os seis grupos que participan. A iniciativa ten un orzamento de case 90.000 euros.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a través da submedida LEADER 19.3 “Cooperación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020”.

Precisamente, no ano 2021 resolveuse a primeira convocatoria de axudas que se fixo para actividades de cooperación, cun orzamento total de case 500.000 euros.

A finalidade destas subvencións é fomentar a cooperación entre os GDR galegos ou con outros grupos de España, da Unión Europea ou de terceiros países sempre que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, para avanzar no desenvolvemento local e na aprendizaxe mutua buscando solucións conxuntas a problemas concretos.

Nesta convocatoria aprobáronse sete proxectos, tres son de posta en valor e promoción dos produtos agroalimentarios, dous relacionados coa cultura e a etnografía, un de valorización da cultura do monte e outro de emprendemento e desenvolvemento do emprego. Entre todos aparecen as tres modalidades de cooperación: entre grupos galegos, con grupos doutras comunidades autónomas, e con grupos doutros países.

Neste senso, cabe sinalar que os grupos de desenvolvemento rural son asociacións público-privadas sen ánimo de lucro, con funcionamento asembleario e de ámbito comarcal, cuxa función principal é o deseño, posta en marcha e xestión de estratexias de desenvolvemento local participativo co obxectivo de atender, reforzar e aumentar o potencial económico, social e ambiental do seu territorio.

A IXP Val do Miño-Ourense

No ano 1987, coa aprobación da IXP Val do Miño-Ourense, comezou o recoñecemento oficial de territorios galegos con ampla tradición vitivinícola. Este proceso vén dar un paso máis coa aprobación da IXP Ribeiras do Morrazo no ano 2018. Neste período de trinta anos aprobáronse outras dúas IXP, a de Betanzos e a de Barbanza e Iria:

Coa aprobación da IXP Ribeiras do Morrazo, o sector vitícola galego quedou conformado por cinco denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), e catro indicacións xeográficas protexidas (Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense).