Comunicado do BNG de Castrelo de Miño
Unha vez máis, a xestión municipal da traída de auga potábel deixa moito
que desexar, cando o ilexítimo alcalde vende fume unha e outra vez e as
melloras non acaban de chegar, ou de ser efectivas.
Estes días atópanse sen auga no lugar de Santo Estevo, e cando chega,
vai cunha cor… que incumpre os parámetros marcados por sanidade.
Achégase unha imaxe:
Estes problemas son típicos do mes de xullo ou agosto, non de principios
de maio. O que evidencia a mala xestión municipal na previsión do
consumo de auga potábel, e a neglixencia do responsábel de vixiar e ter
a punto todas as traídas municipais.
Na parroquia de Santa María, continúan sen poder consumir a auga da
billa por mor do arsénico, cando no último pleno de marzo, o sr. Pazos
vendeu que xa estaba solucionado e que nuns días se acabaría o incordio.
Os veciños continúan indo buscar auga á casa do concello, e dende o
goberno do PP + tránsfugas do PSOE, seguen sen achegar auga
embotellada á veciñanza que non dispón de vehículo para ir a buscala.
A declaración de emerxencia sanitaria, que usaron como coladeiro para
saltarse a lista de garda que hai en Augas da Galiza, non debeu ser
suficiente para axilizar a creación do bombeo no pobo de Santo Estevo.
Dende que se vendeu o proxecto aos medios, non houbo ningún avance
no mesmo.
Ademais, solicitouse unha subvención á Xunta para conectar os depósitos
de auga dos lugares de A Bouza e As Bouzas na parroquia de Macendo. A
instalación das mangueiras que se fixo ata a estrada que une ambos
núcleos (para non perder a subvención) tivo a oposición dos veciños de A
Bouza para conectar no depósito do seu pobo, dado que no verán, eles
tamén sofren a escaseza de abastecemento de auga. Finalmente,
quedaron as mangueiras soterradas, e sen conexión entre os depósitos
dos pobos. Isto pasa cando se comeza a casa polo tellado…
O pobo de Troncoso, na parroquia de Astariz, leva anos demandando un
servizo digno de traída da auga, dado que a que teñen (se ben é
xestionada polos veciños) está nun estado deplorábel e non achega auga
ás vivendas nos parámetros sanitarios adecuados. O ilexítimo vendeulles
que se ía ocupar de amañar esa traída, pero… ata hoxe!
Comunicado do BNG de Castrelo de Miño
Ante estas situacións queda demostrada a ineptitude do ilexítimo goberno
que padecemos en Castrelo de Miño, o cal é incapaz de resolver os
inconvenientes das necesidades básicas que temos no noso concello.
Lembrámoslle á veciñanza, que inda que a xestión dalgunha traída a
fagan os veciños (como no caso do lugar de Traveso que está moi ben
xestionada) as competencias da xestión da auga son, por lei, municipais,
e o concello é o responsábel de todas as traídas que hai no municipio,
estean ou non, xestionadas polo mesmo.