A Xunta licita as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento de auga do concello de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio de licitación, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xuño

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Trátase de resolver os problemas de funcionamento na rede de subministración de auga deste municipio coa renovación do treito da tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro

A Xunta licitou hoxe as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio de licitación, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xuño.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado no pasado mes de novembro entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro.

A través deste contrato executaranse as obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.

O Goberno galego apoia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións previstas en ambos os dous concellos no 80% do seu orzamento total.

Pola súa banda, as entidades locais achegarán o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais. Ademais, os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento, explotación.

As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Actuacións en Leiro

O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros de lonxitude, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.

Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.

Coas actuacións proxectadas desde Augas de Galicia, o convenio asinado hoxe permite impulsar a renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de garantir o abastecemento á poboación.

As obras darán servicio a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.