A Xunta e o concello do Irixo avaliarán a posta en marcha dunha agrupación de xestión conxunta para a plantación de cereal destinado á gandaría

O conselleiro do Medio Rural, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, reuniuse co alcalde desta localidade ourensá   

  • O Concello está interesado en aumentar as posibilidades de alimentación para o gando apostando por estes cultivos no lugar de Matelo
  • Trátase dun dos instrumentos claves recollidos na Lei de recuperación da terra agraria para a posta en valor de parcelas abandonadas ou infrautilizadas, xunto coas aldeas modelo e os polígonos agroforestais

A Xunta e o Concello do Irixo analizarán a posibilidade de poñer en marcha unha agrupación de xestión conxunta nesta localidade ourensá para impulsar a plantación de cereal destinado á gandaría. Así se acordou na reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde do municipio, Manuel Cerdeira.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, o Concello do Irixo está interesado en aumentar as posibilidades de alimentación para o gando apostando pola plantación de cereal no lugar de Matelo, en beneficio dos produtores da zona. Nesa dirección, o conselleiro instouno a apostar pola figura da agrupación de xestión conxunta, promovendo o acordo entre propietarios de cara a potenciar este aproveitamento de xeito conxunto. 

Cómpre sinalar que as agrupacións de xestión conxunta son un dos instrumentos principais contemplados na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, xunto coas aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación. Ao tempo, avánzase na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.