- A rexedora, Isabel Gil (PSOE), nin informou a veciñanza nin no pleno municipal.
- O BNG de Ramirás exixe a inmediata reposición do servizo a uns veciños que pagan as taxas municipais como calquera outros.
As aldeas de Pereira, A Finca, Vilaboa de Rubiás e Xandente, no concello de Ramirás, así como outros puntos en distintos núcleos, están sen iluminación pública desde hai uns días por decisión da alcaldesa, Isabel Gil (PSOE).
Diante das queixas de veciñas e veciños afectados, e para corrixir a imprudencia da alcaldesa, o BNG exixe a inmediata reposición do servizo e que de ningunha maneira se dea de baixa eses puntos de luz, dado o grave prexuízo que poida orixinar no futuro para a reposición dos mesmos.
Nunha moción que se rexistrará hoxe, as nacionalistas advirten que desde a Alcaldía “emprendeuse nas últimas semanas unha campaña de eliminación de puntos de luz en varios núcleos de poboación, campaña totalmente inxustificada e intolerable. Tódolos días chegan novas acerca dun novo núcleo que viu reducido o número de puntos de luz, ou que no peor dos casos, se viu privado do cen por cen de puntos de iluminación”.
O BNG lembra que as veciñas e veciños afectados pagan os seus impostos municipais, entre eles o IBI, e teñen dereito a recibir determinados servizos, con independencia do uso que cada quen faga da súa vivenda.
Na súa iniciativa, as nacionalistas piden que o goberno municipal “dea cumprida información ao pleno acerca dos puntos de luz que xa foron eliminados, e deses outros que está previsto eliminar”, e propón que se o que se pretende é un aforro enerxético “se substitúan as lámpadas por outras de tipo LED”.