O grupo de teatro do IES Chamoso Lamas formará parte dun proxecto social

Durante o último trimestre do curso 21-22, o grupo de teatro do IES Chamoso Lamas formará parte do proxecto A outra clase, que realiza a asociación Tr3s Social co apoio do programa de Axudas a Interculturalidad e Acción Social da Fundación La Caixa. O grupo, de 12 alumnos e alumnas, reunirase unha vez por semana para crear unha peza de teatro foro coa que xerar un diálogo participativo co público.

Con este proxecto, a asociación Tr3s social ofrece un espazo de reflexión a través das metodoloxías artísticas do teatro social (teatro do oprimido, teatro sistémico, etc) para mellorar a convivencia nos centros educativos. “A idea é que sexa o grupo quen decida os temas dos que queren falar” comenta Zósimo, técnico da asociación en Galicia, e engade “o teatro é un vehículo para explorar as emocións, os conflitos e as inxustizas cotiás”.

AVANTAR ACTIVIDADES

De feito, o teatro foro é un formato de espectáculo teatral diferente do tradicional. Trátase dunha peza de 15-30 minutos de duración, creada colectivamente, na que o grupo expón un problema real non resolto e relacionado cunha desigualdade social. Ao rematar a representación da peza, comeza o foro, un espazo de debate no que o público pode substituír aos actores e actrices para propoñer solucións ao problema exposto, creando un debate activo. Os espectadores, como dixo Augusto Boal, dramaturgo brasileiro que inventou o teatro foro, convértense en espect-actores, rompendo así “a cuarta pared” e ensaiando a transformación que levarán ás súas vidas

Polo momento, o grupo de teatro do IES Chamoso Lamas está preparando a peza e xa atoparon algúns temas moi interesantes coma a desigualdade de xénero, o bullying ou a imaxe social negativa dos adolescentes. O obxectivo e ter rematada a obra no mes de xuño e representala para todo o centro, e tamén no cole de Cea, onde se fará un intercambio co outro grupo participante no proxecto, o do alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Virxe da Saleta.

O proxecto A outra clase nace no ano 2014 nun barrio de Madrid como un proxecto piloto de mediación escolar e convivencia participada. Dende ese momento ata agora, a asociación Tr3s social ven realizando moitas intervencións artísticas nos IES de diferentes comunidades autónomas españolas (Madrid, Valencia, Cataluña, Andalucía). Este ano é a primeira vez que o proxecto chega a Galicia, grazas á colaboración da Fundación La Caixa e ao interés dos centros ourensáns de Cea e do Carballiño nos que se realiza o proxecto. Máis información sobre o proxecto A outra clase na web: https://mediacionyteatroforo.com/