O BNG agarda que o falado na Xunta de Portavoces desta mañá non quede en papel mollado

Desde a formación nacionalista trasladan certa satisfacción ao albiscar receptividade por parte do Goberno PP-DO ás demandas plantexadas no tocante aos bonos axuda que se pretenden pór en marcha e ao anuncio feito polo alcalde de que a modificación de crédito prevista non vai en lote

Ourense, 25 de maio de 2022. No Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense valoran positivamente o ton e o fondo da Xunta de Portavoces celebrada esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Luis Seara asegura que “pese a que o Goberno Local volveu acudir sen unha proposta concreta sobre a que poder comezar a traballar no tocante aos bonos axuda que se pretenden implementar, sí que alomenos amosou receptividade ante as propostas do resto dos Grupos”.

O BNG manifestou que “non hai liñas vermellas a respecto de reconvertir as axudas directas en indirectas, pero teñen que definirse aspectos cruciais para o reparto das mesmas, de tal modo que cheguen a máis sectores e permitan corrixir o desequilibrio territorial existente entre os distintos barrios da cidade”.

Na reunión, o alcalde anunciou que posíbelmente a modificación de crédito na que está a traballar o Executivo Local e que rondaría os 40 millóns de euros non se presente en lote, tal e como se fixo coa levada a cabo o ano pasado por importe de 62 millóns de euros.

Desde o BNG valoran positivamente este anuncio e esta rectificación xa que como ben apunta Seara, “celebramos que o Goberno deixe a un lado a chantaxe que pretendía exercer cunha proposta en lote na que seguramente ían investimentos moi cuestionábeis mesturados con outros nos que todas e todos podemos estar de acordo”.

Luis Seara