Organizado por OZOCOgz Deseño Galego: “Presentación no Carballiño de Aira Editorial”

Este venres, día 3 de xuño, dentro das actividades culturais que, dende a nosa tenda OZOCOgz Deseño Galego, imos desenvolvendo ao longo do ano teremos a honra de presentarvos a editora alaricana AIRA EDITORIAL, unha empresa que aposta polo libro de calidade e polo galego como sinais de identidade.


A presentación, tal e como podes ver no cartaz, farase no restaurante CASA GAZPARA do Carballiño, ás 20:00 horas e contaremos coa presenza de César Lorenzo, editor e autor, entre outras obras de dous dos libros de máis éxito de Aira Editorial, «Atlas da Galicia pequeniña» e «Historia da Galicia pequeniña»; acompañarán a César LorenzoGabriel Álvarez e Maite Jiménez.

AVANTAR ACTIVIDADES


Gabriel Álvarez Martínez é carballiñés e é o tradutor ao galego de «Unha noite no tren da Vía Láctea», do xaponés Kenji Miyazawa, obra seleccionada na lista de honra do IBBY 2022, precisamente na categoría de tradución.

Maite Jiménez, o mesmo que Gabriel Álvarez, é tradutora para varias editoriais e, en concreto para Aira Editorial foi a tradutora de «O nome da Rosa», quizais a obra máis coñecida de Umberto Eco.


Ao rematar a presentación convidámoste a uns petiscos acompañados dun viño e, sobre todo, de boa conversa.