Este sábado 4 de xuño volve o festival de ukelele, Ukp Day, a Ribadavia

O festival, que se realiza no interior do castelo medieval de Ribadavia, ten como sinal de identidade a exclusividade dos seus concertos, xa que os artistas adaptan o seu repertorio ao ukelele, ou cavaquinho portugués, ofrecendo así unha experiencia única nun marco incomparable. A xornada arrancará ás 16:30h cunha actuación diante do castelo do grupo Tabernarios de Nelson Quinteiro. Xa dentro do castelo, que abrirá as súas portas ás 17h, as actividades comezarán coa actuación infantil dos alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, centro onde se imparten clases de ukelele dende fai un par de anos, exemplo do impacto do festival na vila. Ás 18:00h, o portugués André Júlio Turquesa será o encargado de abrir o programa de concertos, ao que lle seguirán os galegos Mallou (de The Lákazans) e o artista nacional Francisco Nixon (ex líder da afamada banda dos 90 Australian Blonde).

A partir das 21:30h, xa no Auditorio do Castelo, será o turno da británica Alondra Bentley e os galegos Helen & Shanna. E como broche final, á media noite, terá lugar unha sesión dj a cargo do recoñecido artista local Emilio José. Ademais dos concertos, durante o festival levaranse a cabo outras actividades complementarias como os obradoiros infantís, unha serie de intervencións artísticas en directo de ilustración e graffiti, ou un mercado creativo de deseñadoras. Tamén contará con zona gastronómica onde os visitantes poderán degustar comidas elaboradas con produtos ecolóxicos e de proximidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta edición volve ter no Concello de Ribadavia o seu principal impulsor e promotor.
Ademais, Cervezas Alhambra apoia novamente este evento invitando a saborear as súas
referencias ao compás das mellores propostas musicais. O festival tamén conta coa
colaboración da Xunta de Galicia para difundir as vantaxes do Carné Xove e o certame de
novas e novos creadores galegos “Xuventude Crea” . Tamén colaboran Viña Costeira e
Compostela Campers.

As entradas do festival pódense mercar no mesmo día, no despacho de billetes físico, ou

a través da web www.ukpday.com a un prezo popular de 5€, ofrecendo un desconto do 50% para a xente nova usuaria do Carné Xove, e acceso ao recinto de balde para os menores de 12 anos (ainda que terán que reservar a entrada igualmente a través da web indicada anteriormente).