Gabriel Alén destaca a aposta da Xunta de Galicia pola dinamización turística da provincia de Ourense

  • O delegado territorial explicou que que a Xunta de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) asinaron un convenio de colaboración para a promoción, dinamización e fomento da riqueza da provincia de Ourense por un importe total de 93.876 euros, dos que o Goberno galego aporta 70.000 euros a través da Axencia Turismo de Galicia
  • Gabriel Alén subliñou que a proba permitirá que centos de ciclistas amosen ao mundo as potencialidades deportivas de Ourense nunha contorna incomparable como é o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
  • Á promoción de Galicia e de Ourense nas probas cicloturistas Ourense Strade Termal, Xurés Bike Tour e Ribeira Sacra Ourense Termal a Xunta destina 26.250 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ao concello de Muíños para presentar co presidente do INORDE, Rosendo Luís Fernández,  e na presenza dos alcaldes da contorna, a 2ª edición da proba ciclista en bicicleta de montaña (MTB) Xurés Bike Tour, que se desenvolverá os días 10,11 e 12 de xuño, e que conta co apoio do Goberno galego para a promoción deportiva e turística da provincia de Ourense.

O delegado territorial explicou que a Xunta de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) asinaron un convenio de colaboración para a promoción, dinamización e fomento da riqueza da provincia de Ourense por un importe total de 93.876 euros, dos que o Goberno galego aporta 70.000 euros a través da Axencia Turismo de Galicia. O acordo inclúe a promoción de Galicia e de Ourense nas probas cicloturistas Ourense Strade Termal, Xurés Bike Tour e Ribeira Sacra Ourense Termal, aos que a Xunta destina 26.250 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén subliñou que a proba permitirá que centos de ciclistas amosen ao mundo as potencialidades deportivas de Ourense nunha contorna incomparable como é o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A aposta por Ourense é a aposta por Galicia -significou Gabriel Alén- , xa que a provincia concentra e resume o mellor da comunidade. “Deporte e turismo van da man e cada vez son máis os turistas que buscan unha oferta diferenciada vencellada coas actividades ao aire libre”, e destacou que os eventos deportivos e a oferta turística de Ourense coinciden coa aposta polo turismo de calidade que tan bos resultados están a dar en Galicia.

O representante do Goberno galego lembrou os bos datos acadados na comunidade o pasado verán e o balance positivo desta Semana Santa, cun 80 % de media de ocupación hoteleira e cifras aínda mellores en establecementos de turismo rural ou en enclaves como a Ribeira Sacra, de aí a importancia e o protagonismo da provincia de Ourense no cómputo global. Un balance positivo no que tamén ten moito que ver o Camiño de Santiago e o Xacobeo, con máis de 103.000 Compostelas entregadas.