O goberno presentará mañá unha modificación de crédito dun millón de euros para proxectos no rural e no casco urbán

A corporación do concello do Carballiño reunirase mañá en sesión plenaria, a correspondente ó mes de maio. Dentro dos puntos da orde do día, destaca a moción levada polo grupo de goberno, que consistirá nunha modificación de crédito de preto dun millón de euros que inclúe unha parte orzamentaria do superávit. Estará destinado a actuacións necesarias e tamén para proxectos comprometidos polo goberno ca cidadanía. Por exemplo, 200.000 euros irán destinados ó rural, e entre as rúas que se mellorarán estará o proxecto da apertura da rúa carreira. O alcalde, Francisco Fumega, detállanos hoxe este proxecto.

En canto ó control da oposición, haberá unha moción do BNG relativa ó acondicionamento e apertura das piscinas municipais, nas que xa se está a traballar para a súa apertura a mediados deste mes de xuño.

AVANTAR ACTIVIDADES

Outra moción, neste caso de Espazo Común, é sobre o proxecto da rúa Ourense. O alcalde asegura que o goberno local e a Confederación está traballando na modificación do proxecto para adaptar algúns aspectos. A outra moción deste grupo é relativa ó peche da aula de 3 anos do Campo da Feira. Fumega afirma que unha vez se peche o período de matriculación para o próximo ano, a Xunta avaliará a viabilidade, en canto ó número de nenos, de mantela aberta ou pechada, e o concello abrirá un diálogo con eles para que se tome a decisión máis axeitada.

En canto ó Partido Popular, levará dúas mocións tamén. A primeira pide o fomento do empadroamento no concello, que o goberno local estudará con atención xa que a consideran moi necesaria. A outra moción é a creación dunha axenda cultural e deportiva.