A Xunta colabora con Arnoia na mellora da accesibilidade ó pavillón

IES CHAMOSO LAMAS

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as melloras levadas a cabo o ano pasado no pavillón municipal de deportes e que redundan no benestar dos usuarios desta infraestrutura, así como do conxunto da veciñanza que tamén emprega as instalacións para todo tipo de eventos ao longo do ano.

A Xunta colaborou co concello en actuacións no pavillón a través dunha axuda de máis de 33.800 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Por unha banda, renovouse o pavimento do pavillón de formigón por PVC máis resistente, seguro e con mellor illamento e, por outra parte, tamén se mellorou a accesibilidade coa reforma interior do aseo na zona de gradas para facelo accesible a persoas con mobilidade reducida e coa creación de 2 prazas de aparcamento reservadas para este colectivo.

HIPER MASIDE

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais para levar a cabo iniciativas como esta que contribúen á mellora das dotacións existentes de infraestruturas para a poboación.

O Goberno galego destina 3,5 millóns de euros na convocatoria deste ano da Orde de Infraestruturas de uso público coa que o ano pasado se financiaron 125 proxectos como o visitado hoxe. Esta liña de axudas vai destinada á posta en marcha ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Trátase de iniciativas relacionadas, por exemplo, con actuacións en dependencias municipais, parques infantís, instalacións deportivas de uso público como o pavillón municipal da Arnoia, a pavimentación dos camiños públicos municipais e  proxectos de renovación das redes de luz pública, todas elas actuacións que   contribúen á mellora da calidade de vida local.

No caso da Arnoia, a Xunta tamén apoiou ao concello no marco desta orde no acondicionamento de parques infantís, no acceso ao balneario do municipio ou na mellora do edificio da Casa Consistorial.

O investimento total no concello da Arnoia ascende nos últimos anos a máis de 834.500  euros, incluíndo tamén as melloras ambientais apoiadas co Fondo de Compensación Ambiental. Entre elas, o mantemento de servizos ambientais de recollida de lixo e lumes da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, que ademais da Arnoia, atende aos concellos de Cenlle, Beade e Leiro. Nesta liña, Natalia Prieto apelou á colaboración non só entre administración senón entre as propias entidades locais para aforrar custos e evitar duplicidades.

Así, esta mancomunidade foi galardoada nos Premios Coopera da edición de 2012 por un proxecto piloto para mellorar os índices de achega na recollida selectiva dos residuos urbanos, mentres que a Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro recibiu o mesmo recoñecemento en 2017.